Logo de se licenciar en Dereito pola universidade compostelá, Manuel Núñez González pasou a exercer como rexistrador da propiedade no seu Ourense natal, e a colaborar tamén nas páxinas do xornal O Tío Marcos da Portela, dirixido por Valentin Lamas Carvajal, onde deu ao prelo as súas primeiras composicións líricas, moitas veces asinadas so o pseudónimo Ma-Nu-Gon. Parte da súa produción poética, espallada noutros xornais da época, aparece reunida no monográfico Salayos (1895) que se pode consultar nesta ligazón da nosa biblioteca virtual Clásicos do século XIX.
Alén do seu labor estritamente literario, Manuel Núñez González tomou parte, así mesmo, nas polémicas e debates políticos do seu tempo, como testemuña a publicación en Portugal, para evitar a censura, do panfleto Manojo de iniquidades o un feudal del siglo XIX, no que expresa, en ton polémico, as súas arelas de xustiza social.
Son precisamente esas inquedanzas as que están no cerne do seu discurso de ingreso na Academia, La Compañía Gallega, na que tenta atopar unha solución aos males causados quer pola excesiva fragmentación da propiedade da terra, o minifundio, que pexa a súa produtividade; quer pola súa excesiva concentración, o latifundio, que desposúe da propiedade grandes masas campesiñas.
Na "Compañía Gallega" enxerga Núñez González un remedio á "cuestión da terra", ao se tratar dun xeito de propiedade e explotación comunal da mesma de longa raizame no dereito consuetudinario galego, que: "fomenta el estímulo individual; perfecciona las labores agrícolas; disminuye el proletariado; cumple todos los fínes de esta clase de asociaciones; contribuye al equilibrio social y evita la desintegración del Estado".
La Compañía Gallega pódese descargar nesta ligazón.