Jose Leite de Vasconcelos.
Segundo informa o número 390 da Revista Gallega, do 7 de setembro de 1902, que se pode consultar aquí, o eminente lingüista portugués atopábase daquela na cidade herculina procurando "apuntes que lle servirán para escribir unha estensa obra sobre dos usos, costumes e lenguaxe de Galicia, rexión que é ouxeto da predileución do noso sabio amigo".
A "estensa obra" sobre a lingua galega á que fai referencia o artigo pode tratarse quer de Estudos de philologia gallega, publicada en 1902, quer de Miuçalhas gallegas, de 1907, pois a temática galega, como ben sinala o redactor da nova, era da súa predileución. A visita, planificada para un día, estendeuse dúas xornadas máis durante as cales Leite de Vasconcelos recibiu a homenaxe de boa parte da intelectualidade rexionalista da época residente na Coruña, como Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Martínez Salazar, Lugrís Freire, Florencio Vaamonde, Uxío Carré Aldao, Francisco Tettamancy e Galo Salinas, todos eles, agás este último, futuros membros fundadores da Academia.
Con ocasión da súa visita, Leite de Vasconcelos compuxo o soneto titulado "Galicia" que reproducimos máis abaixo.
GALICIA
GALICIA, terra irman de PORTUGAL,
onde voan os mesmos paxariños,
E as mesmas froles bordan os camiños,
E as mesmas almas ten o mesmo ideal;
Lindo berce de Curros e Pondal,
-U, que escoita os murmulos dos airiñosxxxx,
Otro, que abrindo vellos pergamiños,
Canta as grorias duún pobo colosal-:
Eu te saudo! E chamome feliz,
Pois hoxe, preto d'estes bos amigos,
Bebin en paz dous gotos de Xerez…
Soño da veira-mar, verde país,
Poida eu por lonxe andar sen correr p'rigos,
Para acóte vir saudar mais unha vez!
A Cruña, Setembro 2 de 1902.