John Rutherford sobre Díaz Castro

John Rutherford (St Albans, Reino Unido, 1941) é profesor emérito do Queen's College da Universidade de Oxford, catedrático de honra da Universidade de Bangor, doctor honoris causa das universidades da Coruña e de Oviedo, e membro de honra da Real Academia Galega. Na actualidade está traducindo Nimbos ao inglés.
John Rutherford
John Rutherford.


Que características definen, ao seu parecer, a poesía de Díaz Castro?
Creo que a característica máis importante da poesía de Xosé María Díaz Castro é a maneira en que logra converter a linguaxe cotiá dun pobo rural en linguaxe poética dunha intensidade notable e poucas veces acadada por outros autores. Faino mediante varios sabios recursos. Emprega un léxico rico e extenso no cal realiza unha selección meticulosa da palabra máis axeitada para cada contexto. Evita o cliché e toda redundancia innecesaria. Fai uso sobre todo dos elementos máis básicos, esenciais e imprescindíbeis da linguaxe, os sustantivos e os verbos, cun emprego moi restrinxido de elementos accesorios como adxectivos e adverbios, que aparecen nos seus poemas só en casos de verdadeira necesidade. Nos vintecatro versos octosílabos de "Remuíño", por exemplo, non hai ningún adverbio, e hai tan só dous adxectivos, exactos e expresivos: "dentes fríos de abril" e "fume revolto". Con este minimalismo lingüístico Díaz Castro amosa e aproveita o poder que leva dentro de sí a fala tradicional do pobo, tantas veces desprezada e rexeitada por outros poetas, e en xeral por persoas que a consideran inculta. Leva isto a cabo, ademáis, sen necesidade ningunha de adornos nin de reforzos enfáticos, facendo que as verbas aparentemente máis sinxelas expresen ideas suxerentes e complexas. Ten unha marcada preferencia polo símbolo, a metáfora, o símil e o paradoxo para conseguir tal finalidade. O ritmo, marcado pero discreto (ou sexa, non demasiado marcado), tamén ten un papel importante nesta dignificación da lingua popular. Nunha cultura na que a verbosidade é un defecto frecuente, esta lección de rigurosa disciplina lingüística é unha aportación de suma importancia.

Penso que a súa extensa práctica da tradución sería decisiva para levar a Díaz Castro cara a esta relación especial coa linguaxe. É un aspecto da obra de Díaz Castro que se debería estudar a fondo. Porque o tradutor, sobre todo o tradutor de grandes obras literarias, se traballa debidamente, non só aprende moito da práctica lingüística de cada autor a quen traduce, senón que se ve obrigado a usar a lingua cun coidado e cunha precisión especiais. Aprende a agarimar as verbas (aínda que ás veces chegue a odialas tamén). O autor dun texto orixinal pode limitarse a expresar aqueles temas e conceptos cos que se sinte cómodo. Se non atopa as palabras xustas para dicir certa cousa, ninguén lle impide optar pola solución máis evidente e fácil de tal problema, dicir algo diferente. Pero o tradutor concienciudo non pode permitirse o luxo de tal preguiza: guste ou non guste ten que atopar as palabras exactas para reproducir aquel texto dado e inalterábel. O traballar con esta limitación constante ensina ao tradutor a utilizar a lingua co sumo coidado e precisión que se manifesta na poesía de Xosé María Díaz Castro. A tradución literaria é a forma máis pura da escritura: o contido foi ideado por outra persoa, e o tradutor ten que centrarse na gran tarefa de buscar a perfección lingüística. Tal perfección é, dende logo, inalcanzábel, pero é bo buscala.

Que pegada deixou a súa obra na literatura galega posterior?
Considero que estas son as características máis importantes da poesía de Xosé María Díaz Castro. A pegada que deixou na literatura galega posterior é precisamente esta lección súa do bo escribir a base da lingua do pobo. Tamén explica a clara vixencia que ten a súa obra actualmente, e que terá sempre.