Ingreso de Pegerto Saavedra na Academia

O novo académico analizou no seu discurso a resistencia que ofreceron as clases populares galegas ao esforzo de rexistro e control das diversas autoridades civís e eclesiásticas, así como a grande complexidade das múltiples demarcacións administrativas que se superpuñan no territorio galego durante o Antigo Réxime.
O novo académico é felicitado polos seus compañeiros
Pegerto Saavedra recibindo o aplauso dos asistentes


O acto, celebrado no Paraninfo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, contou coa presenza, entre outros, do reitor da Universidade, Juan José Casares Long; do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do decano da Facultade de Historia, Juan Manuel Monterroso Montero; do conselleiro do Consello Consultivo de Galicia, Gonzalo de la Huerga Hidaldo; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero; do presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, José Antonio Cancela Caridad; do presidente do Pen Clube, Luís González Tosar; da vicesecretaria da Mesa do Parlamento, Concepción Burgo López e dos deputados autonómicos Pilar García Porto e Román Rodríguez.

Despois da preceptiva lectura da certificación da celebración do acto de ingreso por parte do secretario da Academia, Henrique Monteagudo, o novo membro numerario, Pegerto Saavedra deu comezo ao seu discurso titulado Demarcacións, topónimos, papeis, memoria: sobre a división e o control do territorio na Galicia moderna cunha evocación do seu antecesor na cadeira, o catedrático lucense de Xeografía na universidade compostelá, Francisco Xavier Río Barja, discípulo de Otero Pedrayo e continuador da súa obra de pescuda e análise científica da nosa xeografía. O novo catedrático salientou a contribución decisiva de Río Barja á modernización dos estudos xeográficos no noso país, quer mediante o seu labor docente na universidade, quer mediante as súas publicacións na Revista de Economía de Galicia.

Pegerto Saavedra
Pegerto Saavedra

Pegerto Saavedra introduciu a súa alocución -centrada na análise da organización e control do territorio galego desde a pluralidade das súas divisións administrativas- cunha descrición das dificultades que para os funcionarios da Administración Central do século XVIII, supuña o rexistro catastral dun país tan dispersa e densamente poboado coma o noso, no que, ademais, a propiedade da terra -moi fragmentada en pequenas parcelas- podía mudar dun ano para o outro, no que os paisanos falaban unha lingua diferente e no que rara vez coincidían as fronteiras das diversas circunscricións, nomeadamente, a eclesiástica, a señorial e a real.

Segundo Pegerto Saavedra, o esforzo por obter unha información fidedigna das divisións fiscais de Galicia e das xentes que as habitaban deu comezo xa no século XVI, pero é no XVIII cando acada unha maior determinación e amplitude no seu propósito. Neste tempo, conforme a xustiza do rei ("fonte limpa") vai penetrando o país, entra en conflito coa xurisdición dos nobres e o propio xeito tradicional de administrar xustiza nas comunidades labregas.

No tocante á estrutura parroquial do noso país, esta división aparece como a máis estable, pois chega desde a Baixa Idade Media ata os nosos días sen apenas cambios de importancia. A parroquia constitúe a unidade de extensión por excelencia sobre a que o cura cobra o seu décimo, e está dividida, así mesmo, en aldeas ou lugares que non foron apenas rexistrados nas relacións catastrais da época, de quitado as tentativas do padre Sobreira e de Cornide, autor este último dun completo mapa do Reino de Galicia publicado en 1766.

O catastro de Ensenada de 1753 -unha tentativa do goberno central por coñecer de xeito exhaustivo a extensión e calidade das terras de cultivo existentes- atopou en Galicia unha dificultade de difícil solución: a diferenza idiomática que complicaba a mutua comprensión entre os funcionarios encargados de recoller os datos e os labregos galegos que debían fornecérllelos, que se sumaba á da natureza volátil da propiedade e uso das fincas, que podían mudar dun ano para o outro. Secasí, e pese a non contar cunha cartografía do país, o catastro de Ensenada achega unha visión aproximada da realidade económica do agro galego do seu tempo.

O novo académico púxolle o ramo ao seu discurso reclamando consideración para todo o patrimonio material e inmaterial acumulado por xeracións de campesiños durante séculos, que corre serio risco de caer no abandono e a desmemoria.

Ramón Villares
Ramón Villares

Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Villares salientou a importancia das investigacións do novo membro numerario sobre as condicións de vida no rural galego durante o Antigo Réxime, exemplificada en obras como A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850 publicada en 1992, e que había merecer o Premio da Crítica ao ano seguinte. Villares Paz subliñou tamén a influencia que estudosos marxistas como Pierre Vilar e E. P. Thompson tiveron na súa formación como historiador, un maxisterio que se fai patente na súa dedicación ao estudo da vida das clases populares galegas, e das súas estratexias de resistencia á autoridade dos estamentos superiores durante o Antigo Réxime. Ramón Villares rematou o seu discurso trazando unha análise comparativa entre os obxectos de estudo de Otero Pedrayo e Pegerto Saavedra: o primeiro, centrado no esplendor e decadencia da fidalguía; o segundo, na comprensión do papel histórico do campesiñado galego.

O presidente da Academia, Alonso Montero, evocou, contra o peche do acto, unha sesión celebrada en marzo de 1958 no mesmo lugar: "aquel día Don Ramón Otero Pedrayo, neste Paraninfo, deu o primeiro discurso público en galego desde o 36. Eu tiven a sorte de estar aquí presente naquela data, e lembro ben a terrible tensión que se notaba no ambiente, pero ninguén se atreveu, finalmente, a interromper o discurso de Don Ramón,, que se despedía da universidade aquel día. Hoxe, estou seguro de que estaría moi orgulloso de estar aquí connosco, entre dous historiadores como os que acaban de falar que se reclaman os seus discípulos, e orgulloso tamén de que este acto se poida celebrar en galego".

O discurso completo pódese descargar aquí.

Alonso Montero e Pegerto Saavedra.
Alonso Montero entrégalle o diploma ao novo académico