Ingreso de Fina Casalderrey

A nova académica fixo no seu discurso un eloxio da infancia como territorio da imaxinación e xermolo da ficción que foi respondido, en nome da Academia, por Rosario Álvarez Blanco.
Fina Casalderrey
A nova académica dando lectura ao seu discurso


O acto, que tivo lugar nun ateigado Teatro Principal de Pontevedra, contou coa presenza, entre outros, da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; do presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do alcalde en funcións de Pontevedra, Antón Louro e dos deputados Francisco Caamaño e Guillermo Ameixón.

Cun discurso titulado Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario, Fina Casalderrey empezou a súa intervención evocando o seu proceso de iniciación á causa da defensa da lingua na universidade compostelá por volta dos anos setenta, así como a grande influencia do senlleiro galeguista Avelino Pousa Antelo na súa toma de conciencia definitiva sobre este asunto. A seguir, a autora de Xeve rendeu homenaxe ao seu antecesor na súa cadeira da Academia, Xaime Isla Couto, rememorando varios momentos da súa biografía compartidos co economista e polígrafo compostelán, quen lle deixou resumido nunha frase o seu sentido da militancia galeguista e humanista: "Temos que deixar a nosa pegada na sociedade sen agardar outra cousa a cambio máis que a satisfacción de vela mellorar".

Fina Casalderrey

A continuación, Fina Casalderrey centrou a súa alocución na análise do tratamento da infancia, definido como "mar onde habita o imaxinario", en varios autores canónicos da nosa literatura, desde a Rosalía de La hija del mar, ata o Xosé Neira Vilas de Memorias dun neno labrego ou Xente no rodicio, pasando por Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor e María Xosé Queizán entre outros. Para a autora pontevedresa, a infancia cumpre en todos estes autores unha función incitadora, de chamada á obra e depósito de materiais que han ser logo transformados en ficción: "Unha viaxe á semente da literatura será sempre unha peregrinación posto que a vida enteira cabe na memoria da nenez. É nela onde están representadas as cousas onde habita a nosa capacidade fabuladora, ese xerme...". Fronte a concepcións a miúdo elitistas e condescendentes coa chamada LIX, a nova académica púxolle o ramo ao seu discurso cunha vindicación desta literatura como un material artístico homologable á concibida para adultos, pois ambas "teñen máis temas e preocupacións comúns do que ás veces pensamos. Existe unha ponte entre ambas pola que pode transitar xente de calquera idade", e, empregando unha cita de Neira Vilas, concluíu: "Os zocos para un neno levan menos pau pero custa máis traballo facelos".

Rosario Álvarez
Rosario Álvarez Blanco


Na súa resposta en nome da Academia, a tesoureira desta institución, Rosario Álvarez Blanco rememorou varios episodios vitais compartidos coa nova académica, como a súa formación de bacharel no único Instituto Nacional de Enseñanza Media dispoñible na Pontevedra dos anos sesenta, dirixido por Xosé Filgueira Valverde, "o home que o era case todo na Pontevedra da época". Álvarez Blanco pasou logo a trazar un perfil biográfico da nova académica salientando o seu temperán compromiso co emprego do uso do galego nas aulas do ensino: "A militancia a prol dun ensino plural e responsable e mais o desexo de anovar a escola, para achegala máis á cultura e á sociedade ás que se debe", complementado co seu labor como creadora de ferramentas pedagóxicas. A continuación, a tesoureira da Academia analizou o traballo como escritora de textos de ficción de Fina Casalderrey, autora dunha extensa obra espallada ao longo de máis de medio cento de títulos traducidos moitos deles a varias linguas, entre elas o inglés, o francés e o italiano, que mereceron o recoñecemento do público e da crítica quen lle concedeu, entre outros, os premios Merlín, Barco de Vapor, EDEBÉ, Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, así como a Medalla Castelao. A tesoureira da Academia salientou ademais a intención constante na súa obra de "esborrallar o falso límite que moitos procuran manter entre a LIX e a literatura para adultos", e rematou a súa intervención sinalando que a nova membro de número da Academia chega a esta institución co fin de "erguer a voz a prol da consideración como Literatura da literatura escrita pensando nos menores de idade".

Fina Casalderrey e Alonso Montero
A nova académica recolle o seu diploma de mans do presidente da Academia


O discurso de ingreso de Fina Casalderrey pódese descargar aquí.