Gabriel Rei Doval nun momento da súa conferencia. Autor: RAG
O mugardés Gabriel Rei Doval, anteriormente profesor nas universidades británicas de Oxford e Birmingham, é un dos impulsores das redes de traballo sobre lingua e cultura galegas que se están a tecer nas universidades estadounidenses e no seo da Modern Language Association, lembrou Xosé Luís Regueira, profesor da USC e membro da Real Academia Galega, na presentación do convidado do día ao curso que organiza a RAG coa colaboración do ILG, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Rei Doval aprendeu xunto a "algúns dos mestres dos estudos galegos" no Reino Unido, como David Mackenzie, falecido o pasado mes de febreiro e membro correspondente da Academia; ou John Rutherford, académico de honra da mesma institución. "Alí empecei a ser consciente das potencialidades e posibilidades dos estudos galegos fóra de Galicia, e particularmente nos países de lingua oficial inglesa", asegurou. Desde hai 12 anos, desenvolve a súa carreira nos Estados Unidos.
Rei Doval repasou a historia dos estudos galegos no mundo anglófono, de maneira especial desde os Estados Unidos, que dividiu en tres xeracións. O experto detívose primeiro na figura de Ramón Martínez López, un dos académicos galegos que se exiliaron naquel país tras a guerra civil. Profesor na Universidade de Texas, Martínez López traballou xa nos anos 40 do século pasado para visibilizar os estudos sobre Galicia nos Estados Unidos. Foi, de feito, a primeira persoa en pronunciar alí, no ano 1941, unha palestra sobre tema galego e impulsou a creación dunha sección de lingua e literatura de Galicia, Portugal e Brasil na Modern Language Association, xa daquela a máis importante entidade lingüística dos Estados Unidos.
Pero Martínez López non foi o único galicianista establecido en Norteamérica na posguerra. Rei Doval lembrou tamén os nomes de Xosé Rubia Barcia, Emilio González López, Ernesto Guerra da Cal ou de Eugenio Granell, este último coñecido na súa terra sobre todo como pintor, pero que tamén foi "un dos precursores do galeguismo e do galicianismo nos Estados Unidos". Todos eles, agás Rubia Barcia, que acabou traballando na Universidade de California, instaláronse na cidade de Nova York, a área do país con máis densidade de poboación galega, desde onde contribuíron tamén a impulsar o desenvolvemento dos estudos de lingüística.
Da segunda xeración de galicianistas nos Estados Unidos, coa que os estudos galegos se constituíron definitivamente como disciplina, forman parte destacada Kathleen March, primeira presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), creada a comezos dos anos 80, e organizadora do I Congreso de Estudos Galegos desta entidade; ou Xoán González Millán, director da Cátedra de Estudos Galegos da City University of New York desde que se constituíu, en 1988, ata o seu pasamento en 2002, entre outros nomes como os de Harvey Sharrer, Giorgio Perissinotto ou Silvia Bermúdez. A partir de 1994, os congresos da AIEG pasaron a celebrarse fóra dos Estados Unidos, contribuíndo á "creación de pontes entre Europa e América para o galicianismo", mentres seguían a fundarse centros de estudos galegos en distintas partes do mundo, proseguiu Rei Doval.
Da terceira e última etapa, que chega ao momento actual, o experto subliñou o punto de inflexión que supuxo o recoñecemento do galego por parte da Modern Language Association (MLA), "un fito do que están empezando a verse os primeiros froitos, e veremos moitos máis nos anos futuros". A nosa lingua conta desde 2014 cunha sección propia nesta entidade académica, acadada grazas á unha proposta avalada por numerosos expertos galegos e de todo o mundo en cuxa defensa xogou un importante papel o propio Gabriel Rei Doval. "Galician está recoñecido pola MLA entre French e German. Creo que esa casualidade alfabética é bastante importante, porque quere dicir que o galego debe ter a mesma entidade académica e cultural que o francés ou o alemán. É un recoñecemento internacional á nosa lingua, á nosa cultura", valorou.
O conferenciante concluíu a intervención animando o alumnado a contribuír á consolidación duns estudos cada vez máis fortes: "Hoxe xa hai unha tradición de estudos galegos. Vós chegades aquí despois de que moitos outros sentasen antes en aulas como esta para aprender sobre a lingua e a cultura galegas. Nós podemos contribuír á súa consolidación, estamos comprometidos a facelo e agardamos podervos acoller aos que vivades nos Estados Unidos ou nos visitedes".