A homenaxe deu comezo ás cinco da tarde cunha ofrenda floral celebrada na rúa coruñesa Nicomedes Pastor Díaz na que participaron o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o secretario, Xosé Luís Axeitos; a poeta e académica, Luz Pozo Garza e o reitor da Universidade da Coruña, Don Xosé María Barja Pérez. O acompañamento musical viu da man do grupo de gaitas do coro galego Cantigas da Terra.
Unha hora máis tarde, xa no salón de actos da Academia, e so a dirección do seu presidente, inaugurouse a sesión académica sobre o autor viveirense. O primeiro conferenciante foi o profesor Luís Caparrós Esperante, profesor de literatura na Universidade da Coruña, quen analizou a complexa relación entre o poeta romántico e o político conservador coincidentes na figura de Nicomedes. O tamén profesor e crítico Emilio Xosé Ínsua resaltou a importancia da temperá produción en galego deste autor na preparación do Rexurdimento literario galego que estaba por vir. O historiador e cronista oficial de Viveiro, Fausto Galdo, realizou unha exposición erudita e amena das vicisitudes do Nicomedes político na súa terra natal, mentres o historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, analizou en profundidade a doutrina ideolóxica do político lugués.
As persoas asistentes ao acto tiveron a oportunidade de coñecer e comprender mellor a intensa vida e obra deste axente fundamental na escena política e cultural do século XIX.
Reportaxe fotográfica do acto nas fotogalerías.