Homenaxe ao Padre Rubinos

Cando se facían 115 anos do nacemento do xesuíta e polígrafo coruñés, a Academia rendeulle tributo, xunto co Concello da Coruña e a Institución Benéfico Social Padre Rubinos, a quen fora membro honorario desta corporación.
Eduardo Aceña García, Carlos Negreira e Xosé Luís Axeitos
Eduardo Aceña, Carlos Negreira e Xosé Luís Axeitos


No seu discurso, o presidente da Real Academia Galega, Axeitos Agrelo, destacou o estreito vencello do Padre Rubinos coa cidade da Coruña, a quen lle dedicara o seu libro O poema da Cruña, publicado en 1933 pola editorial Nós, dirixida por outro coruñés, Ánxel Casal. Axeitos Agrelo salientou tamén a importancia do seu labor como presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia da Habana a mediados dos cincuenta, prestándolle apoio económico á Academia nun "tempo dramático e dificilísimo para esta institución".

O presidente da Institución Benéfica Social Padre Rubinos, Eduardo Aceña García, fixo, na súa intervención, un percorrido detallado pola biografía do homenaxeado; desde o seu nacemento na Coruña, o seu temperá ingreso na orde xesuíta, o periplo americano iniciado en Bogotá como tratamento para a tuberculose, a longa estancia en Cuba e a súa residencia final nos Estados Unidos. Aceña García subliñou a fusión entre fe e razón na literatura do Padre Rubinos, "a fe fai coa razón o que fai o telescopio coa vista: aumenta o seu alcance", así como o seu fondo compromiso social exemplificado en feitos como a defensa, por volta dos anos cincuenta, do dereito á folga dos traballadores e do establecemento dun estado social en España.

Modesto Vázquez Gundín
O Padre Modesto Vázquez Gundín

O Padre Modesto Vázquez Gundín analizou polo miúdo as claves da produción poética do Padre Rubinos, lembrando, en primeiro lugar, a concepción da literatura do relixioso coruñés, "para el, o poeta é o que di o que a Historia non sabe ou non pode dicir". Vázquez Gundín sinalou, ademais, a importancia doutros aspectos da súa obra como a tenrura, a liñaxe marcadamente popular da súa lingua poética e a contención expresiva. "Teño a impresión de que ten posto sempre un freo que non lle deixa correr todo o que podería cara ao interior". O Padre Modesto rematou a súa alocución cunha lectura comentada de diversos textos da produción rubinosiá, desde o Poema da Cruña, ata Covadonga ou o Dial poético da viaxe dun galego polos Estados Unidos.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, empezou o seu discurso lembrando a importancia da emigración galega na Habana para a nosa cultura, "alí naceron a bandeira, o Himno e tamén o apoio imprescindible para a creación dos nosos alicerces culturais, como a propia Real Academia Galega". Carlos Negreira subliñou a importancia da experiencia da emigración na vida e na obra do Padre Rubinos e rematou a súa intervención reclamando unha reedición das obras do poeta coruñés.

Público asistente ao acto
Imaxe do público asistente ao acto