Méndez Ferrín, Abel Caballero, Álvarez Blanco, Vázquez Abad e Angueira Viturro entre outras autoridades asistentes ao acto
O evento tivo lugar en Padrón, na Casa-Museo Rosalía de Castro,,e contou coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Vázquez, conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Xosé Henrique Costas, vicerreitor da Universidade de Vigo; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Valentín García, secretario xeral de política lingüística; Axeitos Agrelo, secretario da Academia; dos académicos Álvarez Blanco, Alonso Montero, Fernández Rei, González González, Ferro Ruibal e Fernández Freixanes, así como de numerosos persoeiros do mundo da cultura, das institucións e público en xeral.
Abriu a xornada Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen comezou a súa intervención expresando o seu agradecemento a todos os gaiteiros que participaran na interpretación da "Alborada" de Rosalía ao longo de todo o país na mañá do 14 de febreiro. Angueira Viturro anunciou tamén a próxima reinauguración da Casa Museo de Rosalía de Castro, "cuxa construción foi un verdadeiro esforzo comunal do pobo galego", e concluíu: "coa publicación de Cantares Gallegos Rosalía púxose no bando do pobo, e hoxe, 150 anos despois, o pobo segue no seu bando".
Xosé Antón Pedreira, presidente da Asociación de Libreiros de Galicia, destacou a vixencia das reivindicacións rosalianas, "basta xa de termos que emigrar, basta xa de sermos unha lingua postergada. Rosalía reclamou para nós o noso dereito a ter unha vida digna neste país".
Méndez Ferrín durante a súa intervención.
Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores reclamou a importancia do editor Juan Compañel no noso Rexurdimento. "Con el iniciouse o proceso histórico de publicación en galego ao que nos debemos os editores contemporáneos".
Elisa Fernández Rei, tesoureira da Asociación Internacional de Estudos Galegos, expresou a vontade deste colectivo de seguir pulando polo recoñecemento da importancia do legado rosaliano na conformación da identidade da Galicia contemporánea.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, que celebraba á mesma hora unha homenaxe a Rosalía en Bonaval, enviou unha nota na que, despois de describira a obra rosaliana como "a voz colectiva da nación", reclamaron para Rosalía un panteón laico e de propiedade pública.
En nome do Pen Clube falou González Tosar, quen lembrou a importancia da figura de Rosalía na diáspora galega, "non hai un lugar na emigración galega onde non estea presente Rosalía".
Alonso Montero pasou revista á relación entre Lorca e o texto rosaliano feita explícita no poema "Canzón de cuna para Rosalía de Castro morta", e fixo referencia tamén a irmandade no destino entre o poeta granadino e o seu editor compostelán Ánxel Casal, "xuntos na mesma morte".
A profesora estadounidense Kathleen March estivo presente no aniversario de Rosalía mediante unha gravación sonora na que definía a Rosalía como "a porta de Galicia". "O seu é un berro en favor dunha Galicia ceibe e digna. Rosalía está hoxe no cerne do imaxinario colectivo galego".
O director da Fundación Barrié, Javier López Martínez, expresou, pola súa parte, a vontade desta fundación por seguir fomentado a investigación sobre os textos rosalianos e a difusión do seu coñecemento entre a xente moza.
A académica e vicepresidenta do Consello da Cultura Galega informou sobre o congreso arredor da obra rosaliana que, en breve, porá en marcha esta institución, Rosalía de Castro no século XXI. "Un dos obxectivos deste congreso", expresou Álvarez Blanco, "é o de xuntar as novas voces que se se están a achegar ao estudos rosalianos con aqueloutras que xa levan moito tempo traballando sobre esta cuestión".
María Solar, mantedora do acto, e Álvarez Blanco, académica numeraria
Entre as contribucións que a Universidade de Vigo fará á conmemoración da publicación dos Cantares, o seu vicerreitor, Xosé Henrique Costas, destacou a da tradución dos seus textos a máis de cincuenta linguas. Costas rematou a súa intervención advertindo sobre o estado de perigo no que se atopa a lingua, "ameazada por decisións erróneas e esganadoras".
O presidente da Academia, Méndez Ferrín, comparou na súa intervención a obra rosaliana coa do poeta romántico francés Gerard de Nerval, nomeadamente, co seu poema "El desdichado", onde aparece por vez primeira a figura do "sol negro da melancolía" que para Méndez Ferrín ofrece grandes semellanzas coa negra sombra rosaliana. "Pero hoxe Gerard de Nerval está soterrado en chan público e a disposición de todos os cidadáns franceses. Eu subscribo, pois, a digna reclamación da Asociación de Escritores en Lingua Galega; estamos cansos de pedir as chaves, queremos un Bonaval laico e público".
O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, destacou a importancia da súa cidade para a formación intelectual da Rosalía moza, "Rosalía está hoxe aínda viva en Compostela".
Abel Caballero, alcalde de Vigo, sinalou o valor exemplarizante da obra de Rosalía de Castro, "afirmamos hoxe a nosa vontade de seguir o camiño trazado por Rosalía de Castro, ese facho de luz e de progreso nado en Vigo expresado nese libro que deu comezo a Galicia".
Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, despois de destacar a importancia da tradución de Cantares Gallegos ao inglés promovido polo organismo que dirixe,destacou, "con Rosalía de Castro aprendemos que a nosa cultura ten na muller valores desaproveitados".
A actuación musical de Uxía Senlle, con textos de Rosalía musicados, púxolle o peche ao acto.