Homenaxe a Darío Xohán Cabana

A Asociación de Tradutores Galegos rendeulle unha homenaxe en Lugo ao escritor, tradutor e membro numerario da Academia, Darío Xohán Cabana, a quen preguntamos sobre a súa concepción do traballo de tradución.
Paco Martín, López Orozco, Darío Xohán Cabana e Marica Campo
Paco Martín, López Orozco, Darío Xohán Cabana e Marica Campo e Xavier Senín


O galardón -outorgado en edicións precedentes a autores como Fernando Pérez-Barreiro Noia, Marilar Aleixandre, Valentín Arias ou Henrique Harguindey- foi creado pola Asociación de Tradutores Galegos, fundada en 1985, co fin de recoñecer as achegas dos especialistas na tradución ao proceso de normalización plena da nosa lingua en todos os ámbitos da cultura.

Darío Xohán Cabana
Darío Xohán Cabana

Desta volta, a xunta directiva da ATG acordou por unanimidade homenaxear a Darío Xohán Cabana, escritor prolífico que abrangue coa súa obra varios xéneros literarios -desde a poesía á narrativa, pasando polo ensaio e a literatura para a xente moza- e que no ámbito da tradución trasladou á nosa lingua obras senlleiras da literatura universal, como a Divina Comedia e a Vida Nova de Dante, o Cancioneiro de Petrarca, a Antoloxía do Dolce Estilo Novo, Os trobadores da Occitania ou Os Tres Mosqueteiros de Alexandre Dumas.

O acto celebrouse no salón de plenos da súa cidade natal, Lugo, e no seu transcurso tomaron a palabra os escritores Marica Campo e Paco Martín, así como o presidente da Asociación de Tradutores, Xavier Senín, e o alcalde de Lugo, López Orozco. O grupo Herbens Consort foi o encargado de pechar o acto cun pequeno recital.

Bo día, Darío, podería resumirnos brevemente cal é a súa concepción da tradución?
Desde o meu punto de vista, o tradutor débese situar nunha posición de humildade respecto do escritor traducido, refusar calquera marca de estilo propia ou pretensión de orixinalidade, e tratar captar e reflectir as do texto orixinal.

Que función cumpre ou debería cumprir a tradución nunha lingua como a nosa?
A tradución pode ter varias finalidades, pero unha das súas funcións é a de crear a propia lingua, amosando a súa ductilidade e capacidade para se apropiar das obras cimeiras da literatura universal. Digamos que pode ser un xeito de elevar a estima e confianza en si mesma dunha lingua.

Finalmente, o seu traballo como tradutor está centrado, sobre todo, nos clásicos, por que?
Pois, en primeiro lugar, por unha cuestión persoal: polo pracer de me enfrontar con eses textos tan difíciles e unha miga intimidatorios como son os dos clásicos. E, en segundo lugar, por que o concibo como un proxecto de carácter nacional: un lector ou lectora galego debería poder contar na súa biblioteca coas mil obras imprescindibles da literatura universal, e digo mil aínda que poderían ser máis ou menos. Un proxecto semellante a aquel que concibira Xulián Maure no seu día dunha editora nacional e que, infelizmente, non foi posto aínda en práctica.