O coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da Real Academia Galega presentou hoxe en rolda de prensa o seu novo traballo, continuación da Historia social da lingua galega (1999), acompañado do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo Andión, e mais o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. “O profesor Monteagudo leva anos dedicado ao estudo social da lingua, tanto na realidade presente como na súa dimensión histórica. Hoxe é unha primeira autoridade do tema. Este libro é unha crónica necesaria dos esforzos da sociedade galega, mesmo que fosen algunhas minorías, para a recuperación da dignidade do idioma en tempos moi adversos”, salientou o presidente. O volume, engadiu Margarita Ledo, “constrúese, dende a fasquía sociopolítica da lingua, unha nova xenealoxía que nos explica o pasado do presente e nos dá puntos a reflectir sobre un porvir que vai reclamar, coma na ditadura, a toma de posición persoal”. A obra marca “un antes e un despois” para calquera que queira achegarse a “ un estudo rigoroso” do período abordado, engade Francisco Castro, que destaca tamén o pulso narrativo dun relato que deixa moi ben documentado todo o traballo “lingüicida” do franquismo.
As dinámicas de substitución do galego instauradas no século XIX e intensificadas nas primeiras décadas do XX “foron extraordinariamente potenciadas pola ditadura franquista, cuns resultados desastrosos no curto e no medio prazo”, recorda Henrique Monteagudo. “A situación e evolución sociolingüísticas do galego a partir de 1975 non poden ser entendidas sen facer referencia á pesada herdanza recibida”, advirte.
Un dos elementos que xogou a favor da castelanización foi a progresiva extensión do aparato educativo, que ao longo do século XX foi avanzando ata abranguer o conxunto da poboación galega en idade escolar. Os medios de comunicación foron outro axente castelanizador de crecente influencia xa que, salvo moi escasas excepcións, excluíron por completo a lingua propia de Galicia. A persecución lingüística dos golpistas levou mesmo a prohibir o uso de calquera idioma que non fose o castelán en marcas, nomes comerciais, rótulos de bares ou tendas e nas proxeccións cinematográficas, ademais de impedir a escolla dos chamados “dialectos” para darlles nome aos fillos e fillas ou redactar calquera tipo documento oficial, lembra o autor entre outros exemplos.
Malia non se dotar o réxime dunha lei xeral que prohibise expresamente o uso das demais linguas do Estado, a ditadura franquista exerceu unha brutal represión lingüística de facto profusamente documentada no volume xunto ás estratexias para canealo. O autor revive episodios como o primeiro discurso público en galego nun espazo aberto tras a guerra civil, o pronunciado por Otero Pedrayo o 11 de novembro de 1949 co gallo da inauguración dun monumento a Valentín Lamas Carvajal; o nacemento en 1950 da Editorial Galaxia, a través da cal os galeguistas, ante o risco da acción política clandestina, decidiron concentrar os seus esforzos na acción cultural; o papel da censura, permisiva coa poesía en galego, pero implacable cando se intentou publicar a tradución dun texto filosófico de Heidegger aínda inédito en castelán, ousadía que supuxo en 1952 a suspensión da Colección Grial; ou a denuncia na VIII Asemblea Xeral da Unesco, celebrada en Montevideo no ano 1954, dos agravios sufridos polo idioma galego na España de Franco, unha acción artellada coa complicidade do exilio antifranquista que probablemente facilitou a reapertura da cátedra de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Madrid e o desbloqueo tanto da tradución do ensaio de Heidegger ao galego como da edición das obras completas de Curros que tamén fora retida pola censura, lembra o filólogo.
O libro dá conta tamén de como se fixaron os alicerces da lingüística galega da segunda metade do século XX e dos “antecedentes carcerarios” dos seus catro puntais, Aníbal Otero, Ricardo Carballo Calero, Cesáreo Saco e Ramón Piñeiro, todos eles represaliados polo réxime; detense tamén no rescate da Real Academia Galega na posguerra; na publicación dos primeiros dicionarios, no emerxer da xeración das Festas Minervais ou a xeración de La Noche; revive a contestación universitaria, o papel da música popular e a militancia política a partir dos anos 60; analiza a postura lingüística da igrexa católica e aborda as primeiras iniciativas para levar o galego á escola no tardofranquismo, entre outros aspectos e episodios destacados da historia da lingua de Galicia baixo a ditadura.