"Hai dous ou tres anos da actividade poética de Manuel María que son un auténtico milagre"

Manuel María foi o seu padriño, e non só literario. Cando Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro casaron, tamén o foi. Corenta e dous anos despois, o escritor e académico e a súa dona homenaxean o poeta e amigo con Manuel María. Antoloxía poética (Galaxia). Pero na escolma non pesa a amizade, senón o criterio de dous "lectores de poesía" que amosan quizais especial predilección polo Manuel María menos coñecido na actualidade. Entre os máis de oitenta poemas seleccionados abondan os que escribiu sendo moi novo, producidos en "dous ou tres anos anos de actividade poética que son un auténtico milagre".

Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro, autores de Manuel María. Antoloxía poética.


'Manuel María. Antoloxía poética' é froito do traballo de dúas persoas, vostede e Amelia Outeiro. Foi difícil poñerse de acordo na escolma?
Casualmente, coincidimos nos gustos dunha maneira case milagrosa. Durmimos e vivimos xuntos, e iso marca moito (ri). É unha escolma de lectores de poesía que levan máis de corenta anos lendo a Manuel María. Tanto eu como a miña muller lemos moita poesía e ela é mellor lectora incluso ca min, porque fai unha lectura máis lenta e reflexiva. Non tiñamos outra pretensión que escoller poemas moi bonitos, e punto.

Sen procurar reflectir cada época ou cada temática da poesía de Manuel María?
Téndoo en conta, pero sen que iso nos condicionase. O que buscamos é a emoción que produce a poesía léndoa. Ás veces as antoloxías fanse con propósito de representatividade, pero non foi o noso caso. Manuel María escribiu máis de mil poemas recollidos nuns cincuenta libros. Deles hai algúns dos que non incluímos ninguna poesía e doutros hai varias, e máis que podería haber.

Nesta antoloxía hai, de feito, moita poesía da que Manuel María escribiu sendo moi novo, como a de 'Advento' ou 'Morrendo a cada intre'.
Hai dous ou tres anos da súa actividade poética que son un auténtico milagre, un prodixio, unha desas cousas que suceden rara vez. Nós ademais cremos, e coido que empeza a crelo xa bastante xente, que hai un libro autenticamente excepcional entre os aproximadamente medio cento que escribiu na súa traxectoria, Advento, que escribiu cando tiña pouco máis ca 20 anos. É absolutamente redondo.

Pero quizais hoxe o Manuel María máis coñecido non é o desa etapa.
Quizabes non, porque o Manuel María máis coñecido é o Manuel María poeta popular."O Manuel María máis coñecido é o poeta popular. É, na miña fe, o poeta máis popular desde Curros Enríquez" Manuel María é na miña fe, como dixo Méndez Ferrín nalgunha ocasión, o poeta máis popular de Galicia desde Curros Enríquez. É popular polos seus libros, pola inmensidade de comparecencias públicas e de recitais que deu por toda Galicia e tamén porque hai infinidade de cancións de Suso Vaamonde, da Quenlla, de Fuxan os Ventos ou de María Manuela que cantaron os seus poemas. Isto converteuno nun auténtico fenómeno e, claro, hai unha parte da súa poesía que se axeita máis a esa divulgación musical, e esa é entón moito máis coñecida.

A poesía popularista e a patriótica, segundo a denominación que vostede emprega no limiar.
É fundamentalmente a poesía da que chamo no prólogo terceira época, a que vai aproximadamente desde 1967 ata os 80, unha poesía maioritariamente de tipo político, de combate, que é posiblemente a máis popular. Nesa época escribiu tamén poesía infantil, pero decidimos non incluíla nesta antoloxía. Nós cremos que alguén debería ter a idea de publicar unha antoloxía de Manuel María dedicada especificamente á infancia e que, ademais de Os soños na gaiola e As rúas do vento ceibe, engadise ao mellor dúas obras de teatro, como Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, porque faría un libro delicioso.

Da escolla feita dedúcese que teñen predilección pola que chama no limiar liña lírica persoal.
Gústanos tamén. Hai poemas do íntimo na primeira época, pero tamén en libros como Mar maior ou nos últimos que escribiu, fundamentalmente a partir do ano 1980, con "Na última época Manuel consegue unha intensidade emocional cunha economía de medios extraordinaria" versos que poñen os pelos de punta pola súa beleza e, sobre todo, pola súa intensidade emocional. Na última época Manuel María consegue unha intensidade emocional cunha economía de medios extraordinaria: poemas que parece que non son case nada son un mundo lírico. Por exemplo, "Alta tarde" (incluído n'A luz resucitada), que é dunha eficacia expresiva e unha densidade lírica milagrosa: "Déixome ir indo, na alta tarde, /cara á noite que me leva / como o río a folla vagamunda. / Non ofrezo resistencia: voume/ sulagando amodiño na dozura / da luz que me agarima / como se unha aza levísima / rozara os meus ensoños. / Camiño estantío cara á noite / coa certeza de que a miña / materia corporal ten de facerse / clara, sonora e transparente / como un fráxil vidro delicado. / A noite e o meu corpo son / un único latexo. Unha luz soia".

'Mar maior' é tamén un libro moi presente na antoloxía, con trece poemas.
Si, de Mar maior incluímos bastantes poemas porque nel practica unha poesía de ton lixeiramente menor, non tan espido como na última época pero si unha poesía moito máis concisa e económica ca da primeira. Ten poemas extraordinarios como "Pórtico", que é ademais moi interesante desde o punto de vista da métrica. Merece por ela soa un ensaio, sexa casualidade ou non, porque Manuel María era un home que se preocupaba relativamente pouco da métrica, que nese poema é especialmente eficaz e ten certo parecido coa de Francis Jammes, ao que sempre admirou. En Mar maior, como sucede tamén en obras da súa última época, hai ademais un parentesco moi evidente entre unha das súas liñas poéticas e a principal de Álvaro Cunqueiro, a dos poemas incluídos en Herba aquí ou acolá. Estaban escribindo paralelamente nunha sintonía da que eu penso que nin sequera eles eran conscientes.

A antoloxía que acaba de presentar é a dun lector de poesía, pero tamén a dun moi bo amigo de Manuel María.
Manuel para min é como un irmán maior. Foi o meu primeiro editor, o meu mestre. E por outra banda despois foi o noso padriño de voda. No ano 1974, cando Amelia e mais eu casamos, Manuel e Saleta foron os nosos padriños. Tivemos unha relación moi especial, pero a amizade non condiciona o meu xuízo. Son amigo dalgunhas persoas que me parecen pésimos escritores, e quérolles igual moito! (ri). O meu entusiasmo por Manuel María non é porque fose amigo, senón porque é un poeta que realmente me conmove no núcleo central da súa obra.

Atreveríase a dicir que lle parecería a Manuel María a selección que fixo con Amelia Outeiro?
Diría case seguro: "Por que non incluístes tal poema?". Pois porque non me gusta (ri). De Manuel María hai moitas antoloxías, unha delas feita incluso por el mesmo, Noventa e nove poemas de Manuel María, publicada en 1972 nunha editorial do Porto. Daquela, metido no combate, xulgueina doutro xeito, pero cando volvín a ela pensei: "onde vas, Manuel, se tiñas poemas moito mellores". De Manuel María hai moitas antoloxías e unha das peores é a del (volve rir).

O momento importa na recepción da obra.
Claro! Naquel momento estabamos metidos no combate antrifranquista nacionalista e había que dicir cousas, non importaba tanto o como senón o que dicías, a doutrina que transmitías. Pero iso poeticamente non vale.

Descubriu novas lecturas da súa creación ao relela toda xunta para elaborar esta antoloxía?
Nalgunhas cousas si, porque adquires unha visión de conxunto mellor. Puidemos comprender mellor a poesía de Manuel María e darnos conta de onde estaba precisamente aquilo que máis nos gustaba.

A celebración do Día das Letras Galegas sempre impulsa a reedición da obra da figura homenaxeada e a aparición de novos achegamentos a ela. Hai algún que lle gustaría especialmente que se faga realidade?
Gustaríame que houbese alguén que fixese unha edición crítica de toda a súa poesía, pero require moito traballo. Se se quixera aproveitar o pulo do Día das Letras Galegas para publicar unha edición deste tipo, faríase case seguro mal, é un labor que require moito tempo e repouso.

Que lle pide daquela ao Día das Letras Galegas de 2016?
Nada, porque va dar máis do que lle poda pedir. Probablemente a celebración do Día das Letras Galegas de 2016 sexa única no que eu alcanzo a ver, porque Manuel María estivo en toda Galicia e en gran parte dos lugares da emigración. Coñecía Galicia á perfección, entre outras cousas porque deu centos de recitais e conferencias, estivo en contacto con ducias de sociedades e entidades, en vilas e mesmo aldeas, porque a onde o chamaban ía. Ademais da súa función como escritor, tiña outra función única, a de ser unha especie de sacerdote ambulante do galeguismo. Ninguén deu tanto coma Manuel María á construción dunha cultura nacional, e vanllo pagar agora. Mágoa que el non estea para velo.