Tribuna

Giuseppe Tavani (Roma, 1924-2019)

Nos comezos de maio de 1963, Manuel R. Lapa pronunciaba en Vigo a conferencia inaugural da Fundación Penzol, titulada "Os romanistas italianos e a lírica medieval galego-portuguesa". Nela facíase historia da brillante contribución da filoloxía italiana para o coñecemento da nosa poesía trobadoresca, chamando a atención sobre o abrollar dunha nova escola, na que destacaban tres nomes prometedores. Segundo o resumo da disertación que ofrece a revista Grial, Lapa salientou un: "o máis metódico e operoso é Giuseppe Tavani". O profesor lusitano seguramente sabía que uns anos antes Tavani estampara un dos seus primeiros artigos no Boletín da Real Academia Galega (1958), pero nin Lapa nin ninguén podían daquela imaxinar que varias décadas despois o investigador italiano ingresaría na RAG como académico de honra, co maxistral discurso Unha Provenza hispánica: a Galicia medieval, forxa da poesía lírica peninsular (2004). Entre o artigo de 1958 e o discurso de 2004 Tavani desenvolveu unha fecunda e polifacética carreira. A simple mención das súas achegas máis importantes (estudos e traducións de Gil Vicente, Fernando Pessoa, Pere Calders, Raimon e a cançó catalá de protesta, as poesías de revolta africanas, Pablo Neruda...), esixirían alongar alén do razoable este perfil, que necesariamente pon o foco na súa contribución máis sobranceira, os seus estudos galego-portugueses.

Para confirmar o vaticinio de Lapa, en 1964 aparecían Le poesie di Ayras Nunez e Lourenço. Poesi e tenzoni, seguidos pouco despois polo monumental Repertorio metrico della lirica galego-portoghese (1967). Coa edición daqueles dous poemarios Tavani establecía un novo estándar nos estudos dos nosos cancioneiros medievais, á altura da escola filolóxica europea máis esixente; mentres que o Repertorio manteríase ata hoxe como unha guía de referencia inescusable para orientarse nos complexos vieiros da métrica trobadoresca. No entanto, a obra máis importante do noso autor foise cociñando a lume lento nunha serie de versións sucesivas dun estudo que acabou tomando corpo na monografía A poesía lírica galego-portuguesa, cuxa tradución galega veu a lume en 1986. En galego tamén aparecería o seu libro sobre Ayras Nunez (1992) e, en colaboración coa súa dona, a profesora Giulia Lanciani ?finada hai ben pouco? o estudo sobre As cantigas de escarnio (1994). Conxuntamente, a feliz parella editou tamén o Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa (1993) e escribiu o volume Trovadores e jograis. Introdução à Poesia Medieval Galego-Portuguesa (2002). No volume Ensaios portugueses (1988) Tavani recolleu varias das súas achegas máis relevantes, entre as cales cómpre salientar as que dedicou a Meendiño e Martin Codax. A propia Academia Galega editou un volume, Bañarnos emos nas ondas! (2014), en conmemoración do centenario da descuberta do Pergamiño Vindel, que recolle unha deliciosa lección do mestre italiano sobre Codax e cuxa presentación daría ocasión para a derradeira das súas asiduas visitas á nosa terra.

Tavani foi un erudito excepcional, o príncipe dos estudosos da nosa lírica trobadoresca, pero tamén foi un activo promotor do recoñecemento da cultura e a lingua galegas, nomeadamente na súa patria, Italia. Exemplo sobranceiro deste labor é a colección «Poeti e prosatori galeghi» que fundou con Giulia e á que contribuíu persoalmente coa tradución ao italiano do Grifón de Alfredo Conde e Tempo de Compostela de Salvador García Bodaño. O grande humanista Giuseppe Tavani, o entrañable amigo «Beppe», deixa un ronsel imborrable de paixón polas letras, de simpatía polos pobos asoballados, de compromiso coas causas xustas, de proximidade e calor humanas que sempre nos acompañará e nunca deixará de inspirarnos. Descanse en paz.

Henrique Monteagudo
Secretario da Academia