Exemplo de microtopónimos recollidos en Rianxo e validados pola Real Academia Galega (Visor de topónimos de Galicia Nomeada)
A aplicación Galicia Nomeada foi desenvolvida ao abeiro dun acordo entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia no que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) asumiu a parte tecnolóxica. O proxecto contou co financiamento do proxecto europeo Geoarpad, como acción integrada no Programa de Cooperación Interreg VA España – Portugal (POCTEP 2014-2020).
As cifras dos últimos meses dan conta da boa acollida que está a ter a iniciativa, mais tamén da importancia que para a poboación ten salvagardar e difundir a microtoponimia tradicional como parte importante do patrimonio cultural de Galicia. En concreto, no que vai de ano, as persoas colaboradoras engadiron algo máis de 13.000 microtopónimos a través da aplicación, tanto na súa versión para PC como para dispositivos móbiles. A estes nomes hai que engadir os 6.600 incorporados durante 2019 na fase de probas desta ferramenta informática, de maneira que xa son preto de 20.000 os topónimos de leiras, devesas, fontes, penedos ou veigas dispoñibles para a consulta pública a través de http://galicianomeada.xunta.gal e da aplicación Galicia Nomeada para teléfonos intelixentes. Arredor do 75% destes nomes xa foron validados lingüisticamente polo equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que coordina e revisa este traballo.
Principais colaboradores
Entre os usuarios máis activos no sistema destacan Alberte Reboreda, que incluíu 2.169 topónimos nos concellos de Mondariz Balneario e Mondariz, e o alumnado do IES Pintor Colmeiro, que achegou 1.187 topónimos do concello de Silleda procedentes do proxecto didáctico A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, traballo de recompilación toponímica e lendaria que gañou o Premio Didáctico Antonio Fraguas no curso escolar 2014-2015. Destacan tamén as achegas de Susana Silva, con máis de 1.000 topónimos compilados en Rianxo; Ana Clotilde Bravo, tamén con máis de 600 no mesmo concello; Xoán Carlos García Porral, que traballou Lalín con 630 nomes (ademais de dirixir os seus alumnos do IES Pintor Colmeiro de Silleda); Xulio Dobarro no Irixo (515); Rocío Romar (500) en Malpica de Bergantiños; Miguel Conde (461) na Pobra do Caramiñal; Ana Martina Varela (400) en Cabana de Bergantiños; ou Sandra Beis (376) en Touro.
Por provincias, A Coruña segue a ser a que máis achegas recibiu. Son case 8.000 nomes, que representan o 41% do total. Cómpre salientar que, se no primeiro trimestre de ano había persoas colaborando en 47 municipios desta provincia, na actualidade hai xa usuarios aliados en 79 concellos dos 93 da provincia.
Pontevedra é a segunda provincia con maior número de contribucións, con máis de 6.000 microtopónimos, con algunha achega en 45 concellos dos 61 cos que conta. Lugo ocupa a terceira posición con algo máis de 3.000 topónimos rexistrados polos colaboradores e colaboradoras existentes en 51 dos seus 67 concellos. Finalmente, en Ourense supéranse os 2.000 nomes enviados á plataforma, con achegas en 62 dos 92 concellos da provincia.
Rianxo, Silleda e Mondariz á cabeza.
O concello de Rianxo é o termo municipal cun maior número de achegas, con máis de 1.800 topónimos engadidos, seguido moi de preto por Silleda con máis de 1.400 e Mondariz con 1.300.
Dende outros concellos aínda non se incluíu ningún novo topónimo a través da aplicación colaborativa, pero nalgúns deles xa se recompilara microtoponimia a través do Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), que tamén está incorporada ao visor de Galicia Nomeada. É o caso de Tomiño, Vedra, Toques, Cambre, A Gudiña ou Portomarín, mentres que noutros 37 concellos, como Laxe, Muxía, Tordoia, Trazo, Becerreá, Cervantes, Negueira de Muñiz, A Peroxa, Barbadás, Laza, Lobeira, Cuntis, Forcarei ou Meis, aínda non se rexistrou ningún microtopónimo. Na maioría destes últimos, polo seu acelerado despoboamento, é moi urxente a recolla da toponimia canto antes. Por este motivo, a Real Academia Galega fai un chamamento ás persoas destes e doutros concellos para unirse a esta iniciativa e que non deixen perder esa parte tan importante da historia da súa terra e dos seus antepasados. As persoas interesadas en colaborar nesta tarefa colectiva de recuperación do noso patrimonio toponímico poden contactar con Galicia Nomeada a través de galicianomeada.xunta.gal e do correo electrónico toponimia@academia.gal.
Os case 20.000 nomes da terra rexistrados grazas á colaboración cidadá súmanse aos topónimos de entidades de poboación do Nomenclátor de Galicia e aos máis de 430.000 microtopónimos rexistrados polo Proxecto Toponimia de Galicia. Nestes momentos xa é posible visualizar máis de 295.000 sobre a imaxe aérea de Galicia e descargar a información dispoñible sobre eles (coordenadas, tipoloxía xeográfica ou fonética) tanto na aplicación Galicia Nomeada coma no visor de topónimos do Portal Toponimia de Galicia. Os microtopónimos do Proxecto Toponimia de Galicia pendentes de xeorreferenciar iranse incorporando á base de datos de Galicia Nomeada e a este visor a medida que o Instituto de Estudos do Territorio (IET) complete este labor.