Galicia a través dos ollos das viaxeiras anglosaxoas

Kathleen March visitou Galicia por primeira vez en 1975 e descubriu que non era a España que lle explicaran na universidade. O interese que espertou nela o país e a súa lingua levaríaa anos despois a fundar da Asociación Internacional de Estudos Galegos e traducir ao inglés a Rosalía de Castro, Otero Pedrayo ou Manuel Antonio, e ao galego a Noam Chomsky. A filóloga, profesora da Universidade de Maine, participou esta semana no curso Galego sen Fronteiras da Real Academia Galega cunha palestra centrada nos primeiros textos sobre Galicia de viaxeiras de fala inglesa.

Kathleen March impartindo a palestra no curso Galego sen Fronteiras


March repasou as obras de sete viaxeiras anglosaxoas, partindo dos Iberian Sketches de Jane Leck, de 1884, ata chegar á visión da fotógrafa Ruth Matilda Anderson, que visitou Galicia entre 1924 e 1926. Malia o momento, o galeguismo non figura nos libros das autoras. "No XIX, entre os non galegos, Galiza sempre se viu como parte de España (…). O elemento, talvez, máis diferenciador era a lingua galega, mais non había gramáticas; para os forasteiros e os españois, era un simple dialecto rural ou patois", contextualiza a profesora. "Só o viaxeiro máis curioso, non formado unicamente nos estudos oficiais eruditos da igrexa, ía captar o irredutíbel de Galiza", engade.

O que si percibe March é un estilo de viaxaren por Galicia da maioría destas mulleres diferente ao dos seus predecesores masculinos. "O ton aventureiro e de autoimportancia dos homes é máis reflexivo nas mulleres, cun intento de analizar o galego de preto, non só mostralo como pintoresco", indica.

Aínda que con puntos en común, a mirada de cada unha delas amosa tamén distintas perspectivas e prexuízos. A escocesa Jane Leck, a primeira en chegar, emprende unha viaxe por unha terra que define como descoñecida para moitos, pero tamén como "unha das máis fermosas provincias de España", onde os seus habitantes, "como os nativos da maioría das terras montañosas, están apaixonadamente apegados ao seu fogar". Leck tamén salienta a semellanza entre a paisaxe escocesa e a galega.

Quince anos despois, a estadounidense Katherine Lee Bates falará con noxo de condicións que considera primitivas, mais outras viaxeiras non narran experiencias desagradables coa comida ou co aloxamento. Máis favorable é a visión da inglesa Catherine Gasquoine Hartley, quen contradí a imaxe do "español indolente" e debuxa Galicia como un "territorio idílico", de labregos traballadores e capaces dun gran futuro, prosegue March.

A estadounidense Georgiana Goddard King, autora de The Way of St. James (1920) menosprezaría máis adiante o compromiso de Hartley con Galicia e insistiría en definir Santiago de Compostela como "unha cidade morta". Santiago e o Camiño tamén están presentes na obra da norteamericana Ruth Matilda Anderson ou da inglesa Anette Meakin.

Todas estas viaxeiras, profunda a filóloga, falan tamén das mulleres galegas, do seu aspecto físico e do traballo que realizan. Pero, de novo, reflicten perspectivas ben diferentes. Mentres Bates se refire a elas como "little brownies", Meakin, Hartley e Anderson admiran a súa forza física e capacidade de traballo nun país no que a emigración deixara a moitas soas.