Tribuna

Galego na 'Hoja Parroquial de Vegadeo' en 1941

A presenza do galego na Hoja Parroquial de Vegadeo (H. P. de V.) podemos considerala máis ben anecdótica. Nos 275 números publicados entre xaneiro de 1930 e setembro de 1949, paxinados de 1 a 871, –sen termos en conta doce (cincuenta páxinas), de épocas diferentes, que non conserva a colección que manexamos, do arquivo de Amparo Lago Mediante– o único texto completo que encontramos son as vinte e dúas coplas das "Rimas estraperleiras" (nº 208, 4-IX-1941) de Antolín S. Mediante (Taramundi, 1880 – Piantón, 1944).

Entr'as pragas que consinte
Dios n'o seu xusto rigor
a que se chama estraperlo
e, n'o presente, a pior. [...]

Esta publicación foi fundada por José Rodríguez Fernández, quen a dirixiu ata 1943. A partir do nº 234, xa en 1944, queda baixo a dirección de Modesto Álvarez Hurtado. Impresa en Ribadeo, a súa difusión sobrepasaba a vila da Veiga. Os seus benfeitores encontrámolos en Asturias, Galicia e puntos de España e América. Comeza sendo mensual, faise quincenal desde o nº 4 e a partir de 1936 a periodicidade sofre abundantes alteracións. Nela, onda bispos, sacerdotes e laicos da diocese ovetense (á que aínda pertencía a área da Fonsagrada), rexístrase unha forte presenza de colaboradores do seminario mindoniense. Os escritos abranguen unha variada temática relacionada co dogma católico, a práctica relixiosa, historia da Igrexa, actividades parroquiais, así como aspectos de carácter filosófico, moral, político, sindical etc. Os bailes, o cinematógrafo, o ensino laico, o sufraxio universal, os dereitos da muller, a blasfemia, o comunismo, o divorcio, as accións bélicas, Franco e outros temas, abordados dun xeito moralizante, compoñen unha boa galería para aproximármonos á sociedade da época.

Redactada en castelán, con abundantes citas en latín, as formas vernáculas asoman en contados artigos, que sempre rememoran tempos pasados. Así, Rogina, desde Barcelona (nº 36, 37, 39 e 40), utiliza Chao da Veiga, xatos, Vilarmino y Antón del Parranqueto, rapacín, vinteiro, Campo, Fogueira, fogueteiros, Manolía del Maragato y Eusebia de Guxo, chocleando, Paquín de Axelán... Herminio García Allande, desde Uruguay (50), fogueteiro, gaiteiro, Páxaro, encargado da fogueira, Xan del Velorio, forcado, da fogueira de toxos, el Coxo de Lucas, Casía, Xanguía, Joselín da Coxa, Caldín da Abraire, inda ben non agarran os cacharros, xa los volven a pousar... J[osé] R[odríguez] F[ernández] (50), xanta e na volta da Foya. Eustaquio Lago (74), Xan del Velorio. E un anónimo do 122, Miña Xuana e [calle] das Espiñas. Caso diferente é "Páginas bables. El misterio de la Trinidad y las exequias de Carlos III" (74) de Casimiro Cienfuegos, que contrasta os orixinais asturianos coa versión oral, chea de galeguismos (se, apurades, enfilei, e, os, o, dous, sei...), dunha veciña da Veiga.

Pode sorprender mesmo que, entre os múltiples poemas publicados, non figure ningún en galego de autores locais como Amador Fernández Mejeras, Manuel Rico Prieto ou César Montaña "Gustavo Lorey". Deste último nin se deixa constancia dunha panxoliña interpretada na parroquia no Nadal de 1942 pola organista Secundina Montaña. Perante este panorama, a reprodución das coplas de Mediante resulta aínda máis excepcional.

As "Rimas estraperleiras", arremeten contra a práctica dos que comercian indebidamente cos alimentos en tempos de escaseza.

[...] Trafurcas e ganapás
d'arriscada condición,
sin miramento ningún
exprotan este filón. [...]

Edítanse ademais en Las Riberas del Eo (3458, 4-X-1941), xornal onde tamén aparecerán "A praga do estraperlo" (3466, 29-XI-1941) e "Na cabeceira do 1941. Axuste de contas" (3471, 3-I-1942), no que o poeta carga contra o ano vello pola fame i a laceira / que trouxeche, ¡manxupeiro!, / nese tráfeco maldito, / nese roubar encuberto / da xente, ben conocido / polo alcuño do Estraperlo.

O mencionado nº 208 comezaba con dous artigos, "Estraperlista, perfecto ladrón" (da H. P. de Tarazona) e "Eso es... robar". Xa o 206 (3-VII-1941) reservara a portada para "La tasa y el ‘straperlo'" (da H. P. de Candamo) e "De actualidad. ¿Que es eso de Estraperlo?" e o 207 (3-VIII-1941) reproducía un fragmento dun discurso "del Caudillo" baixo o título "Ocultación y acaparamiento". O 212 (1-I-1942) volverá abordar o tema en "Actualidad. El negocio de la injusticia". Xa que logo, a inclusión das "Rimas estraperleiras" na H. P. de V. debemos contemplala, dentro deste ciclo de escritos, como un feito puntual, forzado polo contexto socioeconómico que tantas veces aflora na prensa daquel chamado Ano da Fame.

[...] Xa qu'a fame despiadada
o estaperlo nos condena,
semellanza c'o delito
gardará tamén a pena. [...]

Que non existan máis textos de Mediante nesta publicación da súa contorna habería que xustificalo pola propia orientación catequética da folla e mesmo pola consideración que puideran ter os seus responsables da musa popular e da lingua utilizada polo mestre de Piantón.

Xoán Babarro González
Membro correspondente da Academia