Escenografía de Camilo Díaz Baliño para a representación d´O Mariscal de Cabanillas e Vilar Ponte
O apresamento e posterior execución do Mariscal Pardo de Cela o 3 de outubro de 1483 a mans dos Reis Católicos marca, para a historiografía galega, o comezo da decadencia e perda de autonomía política do antigo Reino de Galicia. Este feito histórico pasou de contado a formar parte do repertorio dos trobadores e dos cantares de cego, como ben recolle Fanny Garrido neste poema que fai referencia no seu título ao derradeiro acubillo do Mariscal, o castelo da Frouxeira, en Foz.
A partitura deste poema pódese descargar aquí.
Frouseira, triste Frouseira
Na gran sala do castelo
Moita xente d´arredor
Ascoitando con silencio
Un queixosos trovador
¡Ay!, de min!
Fortemente o ferro empuña
O fidalgo con rencor
Xunta as más a nobre dona
Lastimada de dolor
E pintado está nos rostros
O misterio e o terror
Qu´e moy negra a quela estoria
Que cantando está o cantor,
¡Ay, de min!
Frouseira, triste Frouseira
¿Dónde o teu poder ficou?
¿Dónde os muros afroxaron
Qu´atrevida man fundou?
¡Ay, de min!
¿Qué fixeches da grandeza
Qu´o teu recinto gardou?
¿Qué fixeches d´o moy nobre
Pero Pardo meu señor?
"A traiçon que me vendeu
A traiçon que m´entregou
D´o soberbio Pero Pardo
A cabeza cercenou
¡Ay, de min!.
Maldito sea d´o ceo
Quen non sinta o meu furor
Quen non xure a túa venganza
Quen non busque o vil traidor
¡Ay, de min!
D´un castelo a outro castelo
D´un señor a outro señor
Vai cantando aquestos feitos
Afrixido trovador
A Frouseira quedou irma
C´ó cantor ninguen xurou
Qu´é moy alta aquela Reina
Qu´ó de Cela castigou.
¡Ay, de min!
Tirado do libro Marcial del Adalid: mélodies pour chant et piano: cantares viejos y nuevos de Galicia, de Margarita Soto Viso (A Coruña, 1985).