Os discursos de resposta aos novos académicos son retratos que ilustran o gusto de Del Riego polos perfís de figuras literarias que tanto cultivou, tanto das nosas letras coma doutras culturas. Nos libros de Casares, destacaba aquel 27 de maio, advírtese a “percusión que nel tiveron as experiencias foráneas”, pero tamén o “acento personalísimo que os distingue” e o “arraizamento na vida popular galega”. “Hai no xeito de narrar casariano, en calquer caso, unha descrición poeticamente conseguida que abrangue a realidade e a fantasía, o vivente e o soñado”, engadía sobre o que se ía converter en breve, con só 37 anos, no académico de número máis novo do momento.
Meses antes, o 28 de xaneiro dese mesmo ano, Del Riego fora tamén o encargado de lle dar á benvida á Academia a Eduardo Moreiras nunha sesión celebrada no salón de actos da Caixa de Aforros da Coruña. O académico electo escolleu como tema a poesía como coñecemento da realidade. “Pra el a poesía, como toda arte, vén ser un movemento irracional inmanente do ser; é dicir, un vieiro ideal pra atinxir as verdades máis fondas, non por vía intelectiva, senón por vía amorosa substancial”, valoraba don Paco.
Pero seguramente a recepción máis emotiva para Del Riego na que actuou como padriño foi a de Álvaro Cunqueiro, amigo dende a infancia, como el mesmo lembraría na súa intervención. O narrador mindoniense deu lectura ao discurso titulado Algunhas imaxinaciós sober tesouros nunha cerimonia celebrada o 21 de abril de 1963 no Mondoñedo natal, só unhas semanas antes de que a Real Academia Galega conmemorase o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía de Castro. Na súa resposta, o vello compañeiro salientaba que da obra de Cunqueiro se deduce que este “coñece, vive e goza coma poucos este mundo noso, e sabe dos que viven nel”.
Na sección de publicacións de academia.gal pode lerse igualmente o propio discurso de ingreso na RAG de Francisco Fernández del Riego e a resposta que lle deu Ricardo Carballo Calero. Nel o que sería presidente da RAG moitos anos despois (1997-2001) ofreceu un repaso da literatura galega desde o século XIX que dá conta da evolución da visión de Galicia como entidade cultural de seu. En todos os autores que participaron neste proceso “maniféstase con precisión unha decidida vontade de ser” deixada en herdanza ás novas xeracións, expresaba don Paco.
O labor de dixitalización da RAG permite ademais descargar os libros divulgativos que Del Riego editou sobre Gonzalo López Abente, Vicente Risco e Eduardo Blanco Amor co gallo do Día das Letras Galegas que se lles dedicou nos anos 1971, 1981 e 1993, respectivamente.
O primeiro, Monza de frores brava para nosa señora da Barca, supuxo a publicación dun feixe de versos inéditos que o poeta de Muxía compartira antes de morrer con Sebastián Martínez-Risco, daquela presidente da Academia. Del Riego asinou o limiar co pseudónimo Salvador Lorenzana.
Co gallo do Día das Letras Galegas de 1981, dedicadas ao seu admirado Vicente Risco, don Paco encargouse de realizar unha escolma de textos cunha completa introdución na que trazaba o perfil biográfico do homenaxeado. A súa última achega en forma de libro á celebración do 17 de maio é unha proposta similar sobre Eduardo Blanco Amor, protagonista da edición de 1993.