Fernández del Riego, arquitecto do galeguismo

Pasou o Día das Letras Galegas pero prosegue o ano Francisco Fernández del Riego. Lourenzá, a vila onde naceu en 1913 o protagonista do pasado 17 de maio, é ata este mércores punto de encontro do foro Francisco Fernández del Riego na cultura galega no s. XX, onde preto de vinte especialistas achegarán novas olladas á súa vida e ao seu legado, dende os anos mozos da República ata os derradeiros da súa case centenaria vida. A cita arrincou esta tarde de luns con dúas contribucións do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a filóloga Malores Villanueva, biógrafa de don Paco, que poñen o acento no perfil do homenaxeado, en palabras da profesora, como “arquitecto do galeguismo”, alén do perfil máis proxectado de traballador incansable da cultura galega encargado de facer realidade as ideas concibidas por outros compañeiros.

1/6

Del Riego foi impulsor de iniciativas da resistencia cultural en pleno franquismo esenciais para a preservación e promoción da lingua e da cultura galegas, entre elas a propia celebración que este ano lle rende homenaxe cadrando co sesenta aniversario da súa creación. Víctor F. Freixanes centrou a conferencia inaugural no papel de don Paco na propia RAG, onde tamén foi -defende- un actor destacado da estratexia trazada polos galeguistas en pleno franquismo para devolverlle a súa esencia. “Na posguerra, Del Riego pilotou dende a retagarda o proceso de renovación da institución a prol da incorporación de persoeiros comprometidos coa lingua e co pensamento galeguista, esmorecido despois da contenda”, lembra. Don Paco foi ademais quen ideou a celebración do Día das Letras Galegas, “acaso a súa achega de maior transcendencia para a lingua e a cultura galegas”, e asumiu, pasados xa os 80 anos de idade, entre 1997 e 2001, a presidencia da institución iniciando un período de renovación no que a Academia se abriu á sociedade, engade.

Malores Villanueva refírese ademais a outras iniciativas fóra da RAG, como a concepción da colección Salnés de poesía, nada en 1961, e as pontes que tendeu coas novas xeracións como exemplos igualmente de que don Paco non foi simplemente un grande executor de proxectos, senón que tamén estivo á fronte da “máquina de ideas” canda outros compañeiros si recoñecidos como ideólogos, nomeadamente Ramón Piñeiro.

As institucións como esteos do país e a renovación galeguista da RAG
A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá coorganizan o encontro Francisco Fernández del Riego na cultura popular do s. XX, incluído na oferta de cursos de verán da USC. A Academia conta co apoio económico para o desenvolvemento deste foro da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e do Ministerio de Ciencia e Innovación. O reitor da USC, Antonio López; a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; e o deputado da Área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto Caserío; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e mais o propio presidente da Academia inauguraron a cita, que se desenvolve no auditorio da Casa do Concello de Lourenzá. 

Víctor F. Freixanes vinculou no seu relatorio o labor de Del Riego na Real Academia Galega coa consciencia que este sempre tivo sobre a importancia das institucións como espazos esenciais “no proceso de creación, consolidación e nalgún momento recuperación ou reconstrución da nosa identidade e mesmo da nosa soberanía”, o que o levou a participar en numerosas e variadas empresas ao longo da súa vida. “As institucións son esteos para soster o país, alicerces sociais, fincados na memoria histórica, na credibilidade que o seu comportamento produce, na súa lexitimidade, na súa operatividade, mesmo na súa utilidade. Traballar por unhas institucións fortes é traballar pola estabilidade e a afirmación do corpo social que as representa, no noso caso pola cultura e a lingua galega. Tamén pola identidade política e social de Galicia. Así o entendía Fernández del Riego xa dende a súa participación, con apenas 20 anos, na Federación Universitaria Escolar, no Seminario de Estudos Galegos, no Partido Galeguista, e máis adiante na editorial Galaxia, na Real Academia Galega ou na Fundación Penzol”, analiza o presidente da RAG.

Del Riego ingresou na Academia como membro de número o 26 de novembro de 1960, nunha cerimonia celebrada no salón de actos do Círculo de Artesáns da Coruña, onde en 1906 se presentara publicamente a institución. Mais a relación e o compromiso coa RAG viña de atrás. “Con anterioridade a esta data de ingreso como membro do seu pleno, xa participaba moi activamente no deseño estratéxico da Academia, concretamente na súa necesaria renovación, seleccionando a incorporación de novos persoeiros que recuperasen a súa actividade e, sobre todo, o compromiso galeguista que a definía historicamente”, destaca F. Freixanes.

O propio Fernández del Riego apunta na súas memorias que a Academia puido sobrevivir durante a guerra civil polas xestións do presidente Manuel Casás, pero o labor académico “non só esmorecera, senón que case se podería tachar de desgaleguizador”. “Por mor das circunstancias, chegaron a ser membros numerarios homes non identificados cos problemas da lingua e da cultura autóctonas. Mesmo houbo momentos nos que se fixeron manifestacións públicas indocumentadas e culturalmente irresponsables (...). Aínda que silandeiramente, compría proceder ao seu remozamento”, conta en O río do tempo. Unha historia vivida.

Entre 1950 e 1960, ao pouco de ser elixido membro correspondente da RAG, realizou numerosas xestións para incorporar académicos da órbita do galeguismo canda outros compañeiros como Ramón Otero Pedrayo. A nómina de incorporacións galeguistas aceleraríase tras o seu ingreso no pleno, dende o que promoveu a entrada, segundo se ían producindo vacantes, de figuras como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Xosé María Álvarez Blázquez, Valentín Paz-Andrade, Rafael Dieste, Marino Dónega, Xosé Taboada Chivite ou Eduardo Blanco Amor, quen faleceu sen chegar a chegar a tomar posesión da súa cadeira. “O caso de Cunqueiro tivo unha significación moi especial. Del Riego participara moi activamente na recuperación para a literatura galega do de Mondoñedo, compañeiro de andainas universitarias nos anos composteláns da II República xunto a Ricardo Carballo Calero. Son moitas as alusións na correspondencia á necesidade de avivar a candidatura do autor de Merlín e familia”, indica Freixanes. O académico -prosegue- animou e asinou ademais varios ingresos de correspondentes como Alejandro Campos Ramírez “Alejandro Finisterre”, Tomás Barros, Florencio Delgado Gurriarán ou Olga Gallego. 

Presidente e creador do Día das Letras Galegas
Máis adiante, xa octoxenario, Fernández del Riego asumiría a presidencia da RAG “liderando de novo un proxecto de futuro”. Entre 1997 e 2001 renováronse os estatutos da entidade, establecendo mandatos, ata o momento case vitalicios, dun máximo de catro anos renovables por outros catro, iniciouse un proceso de reorganización do traballo e a dixitalización de fondos, que despois continuaría Xosé Ramón Barreiro, e reactivou publicacións como o Boletín. “Don Paco impulsou ademais a presenza social da RAG alén do estrito espazo académico e, sobre todo, traballou na creación de novas pontes de diálogo que permitiron a incorporación de persoas que se mantiñan distantes ou abertamente críticas”, repasa Víctor F. Freixanes.

Pero a achega máis significativa de Del Riego dende a Academia, “acaso a de maior transcendencia”, foi a creación do Día das Letras Galegas, unha proposta que levou ao pleno co apoio das sinaturas de Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. A iniciativa aprobouse por unanimidade o 20 de marzo de 1963 e a primeira edición celebrouse o 17 de maio dese mesmo ano, cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, “a primeira obra mestra con que contou a literatura galega contemporánea”, en palabras dos tres propoñentes.

“Dende o primeiro momento, a celebración tivo un eco importante na prensa. Mais hoxe o Día das Letras Galegas é un acontecemento cultural de primeiro nivel. Poucas iniciativas hai de tanta transcendencia social coma o Día das Letras Galegas”, valora Víctor F. Freixanes. O que inicialmente foron acto académicos case de circuíto pechado axiña foron asumidos na décadas dos 60 e dos 70 polo cada vez máis activo asociacionismo cultural, que en gran medida era tamén activismo cívico a prol das liberdades democráticas, a identidade nacional que promovía o galeguismo e a reivindicación do idioma, repasa. “Sesenta anos despois podemos dicir que o Día das Letras Galegas implica toda a sociedade, seguramente dun xeito desigual, pero cada vez máis participativo”, conclúe Víctor F. Freixanes.

Ideador, non só traballador
Malores Villanueva refírese tamén á proposta do Día das Letras Galegas, a recuperación de Cunqueiro para a literatura galega ou o alento que ofreceu ás novas xeracións de autores para publicaren as súas primeiras obras como claro exemplos de que Del Riego foi, ademais dun gran traballador, un estratega do galeguismo cultural e político. “Foi un arquitecto do galeguismo tremendamente activo”, resume a investigadora, que recorda que don Paco chegou a estar en dúas ocasións na cadea (en 1947 e 1954) por mor da súa actividade política antifranquista. Villanueva presentou no curso de verán un documento, cedido pola familia Álvarez Blázquez, no que Del Riego debuxa as celas da cadea na que foi retido en 1947 e explica de quen estaba rodeado. 

A entrega política levou o intelectual a sacrificar en boa medida a súa ilusión de ser escritor, reflexiona a súa biógrafa, que se referiu no seu relatorio a outro documento inédito: o orixinal da novela que don Paco presentou en 1947, sen éxito, ao premio de narrativa creado polo Centro Galego de Buenos Aires. “Este texto é no 75 % O cego de Pumardedón (1992), a novela que publicou case cincuenta anos despois. Naquel momento, en plena posguerra, aquí non se podería publicar porque fala da guerra civil”.

Programa vindeiro
No compromiso político, antes e despois da guerra, profundarase na xornada deste martes, con achegas do director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, o académico Lourenzo Fernández Prieto, os tamén historiadores Justo Beramendi e Uxío Breogán Diéguez e o filólogo Pablo García Martínez. Xa pola tarde, o académico Xesús Alonso Montero porá o foco na relación de Del Riego con Luís Seoane e o diálogo que supuxo a súa amizade entre o exilio interior e o exterior. O programa do segundo día do curso rematará cun percorrido didáctico pola Lourenzá de don Paco a cargo dos estudosos locais da súa figura Manuel Román e Xosé López González.

O mércores a atención centrarase nas redes de resistencia cultural que Del Riego teceu e o seu reflexo e distintos epistolarios con amigos como Ramón Otero Pedrayo, Cunqueiro, Carballo Calero e Rodrigues Lapa, a paisaxe na súa obra, os seus textos memorialísticos, o seu labor á fronte da editorial Galaxia e a Fundación Penzol e mais a Xeración Galaxia.