Fanse 91 anos do nacemento do xornal Galicia

O 25 de xullo de 1922 saía do prelo o xornal Galicia: diario de Vigo, dirixido por Valentín Paz Andrade.
Imaxe da cabeceira do xornal "Galicia. Diario de Vigo."
Imaxe da cabeceira do primeiro número do Galicia, o 25 de xullo de 1922


Na portada do seu primeiro número, o novo xornal expuña os que habían ser os seus sinais de identidade gráficos: a cabeceira, co nome Galicia en grandes caracteres románicos deseñada por Castelao; unha caricatura do mesmo autor e un editorial redactado, nesta ocasión, por Valentín Paz-Andrade. Neste editorial facíanse explícitos os principios programáticos da nova publicación, nomeadamente: espírito independente, tendencia progresiva e defensa dos intereses galegos.

Ademais de Valentín Paz-Andrade na Dirección, o xornal vigués contaba con Manuel Lustres Rivas como Xefe de Redacción e cunha ampla nómina de colaboradores, entre os que destacaban o propio Castelao, que viña de abandonar o seu traballo como caricaturista en El Sol, Vicente Risco, Lois Peña Novo, Antón Villar Ponte, Roberto Blanco Torres, Basilio Álvarez ou Filgueira Valverde.

No primeiro número que reproducimos aquí o xornal atendía ás dúas cuestións informativas máis relevantes daquel momento: a Guerra do Rif contra Abd-El Krin e a folga dos mineiros en Asturias. Ademais disto, Roberto Blanco Torres facía referencia, na súa columna, ao libro Unamuno no que se disputaba a identidade do santo adorado en Compostela, Prisciliano ou Santiago; un elo máis dunha longa polémica que había chegar ata os nosos días.

A partir de 1923, a instauración da Ditadura de Primo de Rivera supón un importante atranco para as actividades do periódico vigués. Comeza, entón, unha etapa caracterizada pola censura, o secuestro de edicións e mesmo o encarceramento do seu director, Paz-Andrade, en 1924, por mor dun artigo no que reclamaba unha liña de tren que conectase Galicia con Francia, fronte á "óptica centralista", que pretendía reforzar as comunicacións con Madrid. (Castelao na luz e na sombra, 1982). A espiral represiva culminou en 1926 co peche definitivo do xornal.