Tribuna

Escribir de ciencia en galego: Antón Beiras García

No estudo que coordinamos para o Consello da Cultura Galega sobre Escribir de ciencia en galego (2012) afirmabamos que "despois da Guerra Civil o deteriorado tecido científico galego precisou dun certo tempo para a súa reconstrución, polo que as súas publicacións non comezaron a ter unha certa importancia ata a década dos setenta", época na que volveron a publicarse traballos científicos en galego. Sinalábase como unha curiosidade o Almanaque ZZ publicado por Zeltia, totalmente en galego, desde o ano 1954 no que colaboraron na súa primeira época nun meritorio labor de divulgación algúns científicos que traballaban na empresa. De todas maneiras, polo formato elemental e sinxelo que adoptaba para que puidese ser entendido por todo tipo de lectores non podía ser considerado propiamente como auténtica literatura científica.

Recentemente tiven coñecemento dun traballo en galego do oftalmólogo vigués Antón Beiras García (1916-1968) sobre o estrabismo nunha revista de difusión restrinxida ao ámbito destes especialistas. O traballo titulábase "Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo" e foi publicado en REFERATAS (Tomo II, nº 4, Curso 57-58). Revista da Academia Médico Quirúrgica Provincial. Tratábase dunha conferencia pronunciada por Antón Beiras na citada academia (sesión do 12-II-1958) pero polo formato, estrutura e contidos da publicación constituía unha auténtica publicación científica. E polo que ata onde chega ao meu coñecemento, sería a primeira publicada en galego despois da Guerra Civil, polo tanto máis dunha década anterior a data na que situabamos no libro citado o comezo da publicación científica en galego neste novo período do renacer da cultura galega.

Nun interesante limiar que leva o citado traballo, Beiras García fai reconto dos médicos que escribiron en galego (Pondal, Leiras Pulpeiro, Rodríguez Seoane, Barcia Caballero e Castelao) pero que, de todas maneiras, "falaron, escribiron ou fixeron arte, non como médicos na laboura específica da Cencia Biolóxica, sinón nun prano separado, ou polo menos non íntimamente relacionada con ela". Por todo iso, "Coido eu que os homes de cencia e concretamente os médicos poden tratar de honorar a propia fala, escribindo nela as suas observacións i experimentos". Nel, cita tamén, como un precedente desta iniciativa, os comentarios de Sánchez Cantón no limiar do libro de Cabanillas Versos de Alleas Terras e de Tempos Idos (Ed. Bibliófilos Gallegos. Compostela, 1955), rebatendo a suposta incapacidade do galego para a expresión científica e no que afirmaba que todos "poden aproveitarse do galego mesmo pra Física Cuántica" e que se debe traballar arreo para poñelo en condicións de ser "Instrumento de todos os saberes". Beiras estima tamén no limiar do seu traballo que a dificultade de non ter un léxico científico ben desenvolto e normalizado non debería ser un problema para a súa aplicación, pois este nacería espontaneamente a partir da práctica da escrita científica: "O leísico científico xurdirá dutil limpo i esaito cando nos poñamos a elo porque eiqui ten apricazón a lei biolóxica: a función fai o órgano".

A continuación, nun traballo de 25 páxinas, desenvolve en galego as súas teorías e experiencias sobre o estrabismo: concepto, oclusión e ortoútica, así como a contribución persoal ao seu tratamento, sobranceiramente a partir dos resultados dun aparato da súa invención (quinepleoscopio). Conclúe o artigo con resumos en castelán e francés.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Membro de número da Academia