Estes días conmemórase o vinte cabodano de Carlos Casares. Cúmprense dúas décadas de presenza ausente, ou de ausencia presente, pois a súa lembranza é tan vívida que os seus amigos sentimos que nunca nos deixou de todo. Entre tantos recordos que arestora gurgullan na memoria, nestas tráxicas xornadas en que a guerra arrasa o soar da Europa, acode con forza a imaxe da súa felicidade cando percorreu en tren o vello continente de Lisboa a San Petersburgo pasando por Berlín, nunha viaxe que durou un mes e medio. Formaba parte dun faiscante continxente de escritores e escritoras dunha miríade de linguas europeas, convidados a participar no «Expreso da Literatura». Sería difícil imaxinar unha iniciativa máis acaída aos seus gustos que unha viaxe en tren (el, o impenitente viaxeiro, apaixonado coleccionista de locomotoras en miniatura!) na compaña dunha morea de letra-feridos (el, enfeitizado pola palabra, gozoso conversador políglota e incurable cosmopolita!).
Aquela iniciativa do «Expreso da Literatura» era unha reivindicación tanto da diversidade lingüística e cultural de Europa canto do diálogo e a convivencia pacífica entre os seus pobos, choutando por riba das fronteiras políticas, as divisorias ideolóxicas ou as diferenzas relixiosas. Deixou escrito: “Europa somos corenta e catro países, noventa e tantas linguas e seis alfabetos... Iso foi para min un gran descubrimento. Porque, aínda que ti estás nunha minoría, non ves Europa como un conxunto, como un mosaico de minorías”. Era unha Europa que, derrubado o muro de Berlín e erguida a cortina de ferro, volvía soñarse unida, plural e libre: a Europa da cooperación, da igualdade e dos dereitos humanos, sen guerras, ferrollos nin ditaduras.
Carlos viviu naquela singradura o idioma galego respirando a pleno pulmón o aire fresco da vasta Europa. Unha peza máis, preciosa, daquel fascinante mosaico, sen complexos provincianos nin alfándegas interpostas, como quixeran os grandes creadores da nosa república das letras, fundadores da nosa nación imaxinada, aqueles Risco, Pedrayo, Castelao, Piñeiro, Cunqueiro, Blanco-Amor que coñeceu, admirou e nalgúns casos biografiou. Era un dos seus soños máis radiantes, que chegou a poupar coa punta dos dedos no mes e medio de peregrinaxe no tal «Expreso da Literatura». Deixou testemuña da aventura no diario que espreitaba cada día na súa columna de “Á marxe”. E agora, degustando o sabor agridoce da súa lembranza, maxino a súa tristeza neste tempo ferido de hogano e aférrome coas uñas a aquelas conmovedoras palabras de esperanza con que remata o ensaio que lle dedicou ao «Expreso», cando fala da “pequena lingua en que escribo eu agora estas liñas” e recita o seguinte prego: “Non pido máis que un lugar para ela baixo o sol da Europa que aspiramos a construír, para ela mesma e contra ninguén. Só co propósito de empregar os seus vocábulos máis fermosos (solidariedade, liberdade, amizade) e expresar con eles a memoria do pobo en que nacín, neste vello recuncho de Europa ao que se chega seguindo a través do ceo o máis fermoso camiño de estrelas que existe no firmamento”. Recordar a voz do amigo conforta.
Nos vinte anos transcorridos desde o seu pasamento, ante moitos dilemas da vida, tanto da persoal como da colectiva, téñome preguntado: “Que opinaría Carlos disto? Que faría Carlos?”. E vénme á mente que durante a brutal guerra da Iugoslavia —primeiro capítulo desta carnaxe á que pertence o criminal episodio da invasión de Ucraína— acollera durante uns meses na súa casa un refuxiado bosníaco. Era un vello escritor, solitario, moi triste e algo rosmón, que matinaba seguido no aciago sino da súa familia e da súa patria. Iso sería o que Carlos faría arestora. Para el solidariedade, liberdade, amizade non eran só palabras. Que non o sexan tampouco para nós neste tempo ferido.