Nas primeiras décadas do século XIX prodúcense en Galicia unha serie de acontecementos que debuxan unha nova situación, na que se aprecia un compromiso por parte de moitas persoas que preparan o camiño do Rexurdimento. Nesta época, coñecida como a dos precursores, teñen lugar importantes feitos históricos que contribuirán, naquela altura, a espertar a conciencia de moitos galegos.
As xuntas de defensa ante a invasión francesa
O primeiro deles é a invasión francesa, que dará lugar a que circulen textos de axitación popular na lingua do país. A conciencia dunha Galicia diferenciada do resto de España irá aumentando progresivamente e esta procura de identidade maniféstase en publicacións nas que os escritores e políticos valoran o propio fronte á agresión externa. A organización das xuntas de defensa é un claro exemplo disto: as cidades e vilas galegas alzándose fronte ao invasor francés en xuntas organizadas, primeiro individualmente para logo confluír na Xunta Suprema do Reino de Galicia, que actúa coma soberana en todo este período. O seu activismo queda claro na famosa frase atribuída ao duque de Wellington "Españoles, imitad a los inimitables gallegos". O arquivo da RAG custodia documentación da creación e do funcionamento posterior dunha destas xuntas, unha carta do arcebispo de Santiago á Xunta de Defensa de Lugo emitida en maio de 1810.
O banquete de Conxo e o brinde de Pondal
Outro acontecemento destacado é sen dúbida o banquete de Conxo, celebrado en marzo de 1856. Neste encontro compostelán confraternizaron estudantes e traballadores con xente de clases sociais máis elevadas, rachando arredor da mesma mesa o réxime social establecido. O famoso banquete reflicte a adopción por parte do galeguismo de principios máis revolucionarios. Neste banquete democrático, como define Pondal no documento que vemos abaixo, reivindícase o dereito de Galicia a administrar os seus propios recursos e conta coa participación de homes que habían ter un gran protagonismo no proceso galeguizador, como Aurelio Aguirre ou o propio Eduardo Pondal. O poeta, que anos despois comporía o poema que se convertería no Himno Galego, leu naquela xuntanza en Conxo "Brindis", versos da súa creación para a ocasión que reivindican a igualdade e a soberanía popular: "...y brindo por el pueblo soberano!, y a quien acate libre como el viento, el vuelo del humano pensamiento...".
O manuscrito deste poema pertence ao fondo Parga Pondal conservado na RAG, que inclúe este e outros textos orixinais do vate. Entre os documentos que compoñen o fondo, hai tamén correspondencia e, en menor número, fotografías, recortes de prensa e impresos. A meirande parte da documentación foi acumulada ao longo dos anos de estancia de Pondal na Coruña, onde reside desde 1894 (cunha paréntese entre 1905 e 1908, na que se atopa en Ponteceso), ata 1917, ano do seu pasamento.
‘A gaita gallega' de Pintos
Na década dos anos 50 do XIX prodúcese outro fito para a cultura galega: a publicación d'A gaita gallega, o primeiro libro dese século escrito en galego. O seu autor, Xoán Manuel Pintos, pertence ao grupo dos chamados precursores, xunto a outros autores como Manuel Murguía, que se anticiparon ao que logo sería o pleno rexurdir da cultura galega.
Estes acontecementos, xunto co marco xeral europeo que propicia a corrente historicista do Romanticismo, auspician a chegada do Rexurdimento pleno, que se producirá en 1863 coa publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra icónica e fundacional da literatura galega contemporánea. O Rexurdimento estará vencellado estreitamente cos movementos ideolóxicos do rexionalismo e do federalismo, que progresivamente van acentuando os postulados do provincialismo. De feito, a través dos seus versos, os tres autores principais do movemento, a propia Rosalía, Curros e Pondal, contribúen de maneira destacada á creación da conciencia de Galicia.
A data de saída do prelo da primeira edición de Cantares Gallegos, o 17 de maio de 1863, será cen anos despois a elixida pola Real Academia Galega para instaurar a celebración do Día das Letras Galegas. Rosalía de Castro, como non podía ser doutro xeito, foi a primeira homenaxeada. No presente ano é Ricardo Carballo Calero. O filólogo e escritor participou naquela primeira celebración, no pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, cun relatorio sobre a poeta, da que foi un grande estudoso. Cinco anos antes, en 1958, Carballo Calero ingresou tamén un 17 de maio na RAG como membro de número cun discurso dedicado á poeta de Iria Flavia, Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía.
O manuscrito dos escritores ilustres de Xoán Vicente Viqueira
Ao longo de máis de medio século, a RAG homenaxeou as grandes figuras das letras galegas dende a Idade Media ata o século XXI. En 1998 a celebración dedicouse, por primeira vez, non a unha persoa, senón a tres, os trobadores da ría de Vigo: Johan de Cangas, Meendinho e Martín Codax. Este último abre o manuscrito orixinal de Xoán Vicente Viqueira, dispoñible nesta ligazón, co que o arquivo da Academia pecha esta pequena mostra documental. O escritor e filósofo das Irmandades da Fala repasa nas súas páxinas creacións dos escritores máis sobranceiros en lingua galega, copiadas a man por el mesmo a partir do ano 1910.