A dorna e a construción a calime ou escarva.
A proa picuda con roda bastante lanzada e a popa en estampa, así mesmo lanzada, danlle á dorna unha fasquía inconfundible. Esta embarcación segue a aparellarse con vela de relinga ao terzo, a trapezoidal vela atlántica, coa que tamén se aparellaban as lanchas xeiteiras galegas e as chalupas sardiñeiras de Bretaña.
A dorna ten quilla e cadernas, e a montaxe do forro faise suxeitando cada unha das táboas por fóra do bordo da de abaixo, dun xeito semellante a como se colocan as lousas nun lousado. Este xeito de montar as táboas da dorna (edge-fastened en inglés) denomínase tingladillo en castelán, termo que se usa habitualmente en galego e que cómpre substituír por calime ou escarva, pois nunha ría como a da Arousa, onde a dorna foi (e en certo modo segue a ser) a señora da ría, os barcos construídos dese xeito denomínanse dornas de calime en Ribeira ou no Grove e dornas de escarva na Illa da Arousa ou en Cambados.
O feito de as embarcacións escandinavas se construíren a calime ou a escarva fixo que se dixese que a orixe da dorna galega estaba nos barcos normandos, que na Idade Media chegaban á nosa costa; porén, na documentación medieval son escasos os barcos con ese nome. Nun documento en galego escrito en Vilafranca do Bierzo en 1283 a palabra dorna designa unha tina para pisar a uva, acepción que ten hoxe en portugués, xunto coa xeral de receptáculo grande e de uso doméstico para tomar baño ou lavar roupa. Eladio Rodríguez recollía para dorna o significado de barco, pero tamén o de vasilla de madeira para conservar e fermentar o viño. En Asturias está viva a palabra duerna, que o dicionario da Academia de la Llingua Asturiana define como recipiente grande dunha soa peza usado para salgar a carne, para recoller a sidra que pinga no lagar ou para lle dar de comer ao porco. A voz dorna, que designa un dos barcos galegos máis populares e literarios, e tamén unha tina ou un tipo de artesa en linguas veciñas, é para Corominas forma de substrato celtibérico.
Nunha cantiga moral de Afonso X, cando o rei sabio quere manifestar o seu repudio pola guerra e o seu gusto polo mar, menciona dúas embarcacións: un galeón, co que arelaba fuxir, e un dormon, co que lle gustaría andar a comerciar pola beiramar. Para Rodrigues Lapa podería tratarse do helenismo drómon ‘navío de carga', pero tamén de "uma forma dornon, aumentativo de dorno ou dorna, forma esta ainda usual em galego, com o significado de ‘embarcação pequena'".
En escritos pontevedreses do século XVI documéntanse contratos de aluguer de dornas, que tamén aparecen citadas en documentos do século XVII en Ferrol e Pontedeume para referirse a embarcacións dedicadas á pesca do ollomol e do congro. Con todo, cómpre ter en conta que en portos das Rías Altas, sobre todo na terra de Viveiro, dorna é termo xenérico para designar todas as embarcacións pequenas, e no litoral meridional, en Baiona, desígnase con este nome un tipo de barco auxiliar. Por outra parte, existía unha embarcación de río que se chamaba barca de dornas, propia do tramo medio do río Miño, similar a un rudimentario catamarán: as dornas desa barca son dous troncos baleirados, que lembran as pías para lles dar de comer aos animais, unidas por unhas táboas que fan de plataforma; e curiosamente o xeito de cruzárense os remos cando se voga na barca de dornas é semellante ao que se fai nas dornas do mar.
Segundo o tamaño e a dedicación, as dornas de escarva ou de calime das Rías Baixas reciben diferentes denominacións: as dornas polbeiras, para a pesca do polbo con raña, son bastante pequenas, pois só miden oito cuartas de quilla; as dornas pescadoras, para andar ao robalo e ao corbelo con liña, miden unhas nove cuartas; as dornas naseiras e palangreiras teñen dez cuartas de quilla e as dornas trasmalleiras doce cuartas, mentres que as dornas xeiteiras, con dezaseis cuartas de quilla, son as de maior tamaño. Atendendo á procedencia fálase de dornas carreiranas, orixinarias de Carreira (Ribeira), que son de tamaño pequeno, mentres que os mecos ou dornas mecas, construídas orixinariamente no Grove, son as de maior envergadura. Na sala do mar do Museo do Pobo Galego pode contemplarse unha dorna meca ben aparellada.
Característico do costado de leste da ría da Arousa (o Salnés arousán) era a dorna de tope, que conserva a fasquía da dorna tradicional, pero ten máis manga e non se constrúe a calime ou a escarva, senón que as táboas se entallan de xeito que a parte saínte dunha encaixe na entrante da outra.
A dorna, estudada etnográfica e antropoloxicamente por Xoaquín Lourenzo, Ricardo Mora, Staffan Mörling, Santiago Páramo Aller, Olegario Sotelo Blanco e Juan Pérez Martínez, entre outros, converteuse na literatura galega, e de xeito especial na poesía, nun dos símbolos da singularidade da nosa cultura, o que explica a súa presenza en infinidade de textos poéticos, desde o pre-Rexurdimento á actualidade, tanto en escritores da beiramar coma da Galicia interior. O cambadés Ramón Cabanillas foi un dos seus mellores cantores e o mindoniense Álvaro Cunqueiro, con raíces familiares en Cambados, fixo filigrana poética coa dorna como motivo. Entre os moitos autores que se marabillaron con esta embarcación están Manuel Antonio, Antón Zapata García, Luís Amado Carballo, Xulio Sigüenza, Álvaro de las Casas, Ánxel Sevillano, Pura Vázquez, Xohana Torres, Salvador García-Bodaño, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Méndez Ferrín.