Tribuna

Domingo Frades Gaspar
in memoriam

(S. MARTIÑO DE TREBELLO, 18-11-1936   –   BADALLOUCE, 10-01-2023)

Faleceu recentemente en Badallouce o académico correspondente para o “galego” do Val do río Ellas Domingos Frades Gaspar.  Nacera no convento de S. Miguel (hoxe Hospedería Sierra de Gata) en S. Martiño de Trebello o 18 de novembro de 1936 cando este edificio era un Preventorio Infantil Antituberculoso, pois seu pai era o conserxe e alí vivía toda a familia.

Aos 10 anos recibiu unha bolsa para estudar no Seminario de Salamanca. Alí descubriu o latín, a historia, as ciencias naturais, a xeografía, a música etc. A súa dedicación á lingua xurdiu ao se decatar de que o F inicial latino se mantiña na súa fala mañega, ou que os grupos consonánticos iniciais CL e FL daban chave e chama en mañego fronte a llave e llama en castelán. Deste xeito, con outros alumnos do Seminario paisanos seus fixeron unha revista en mañego chamada A furniga.

Axente de desenvolvemento rural
Realizou estudos agrícolas en Zaragoza e en 1955 aprobou as oposicións do Servizo de Extensión e Capacitación Agraria. Desde 1970 ata a súa xubilación en 2001 traballou como xefe de Desenvolvemento do Servizo de Extensión e Capacitación Agraria de Estremadura. Fundou os grupos de desenvolvemento rural de Extremadura, pulou pola agricultura ecolóxica e a apicultura, foi fundador do Consello Regulador da D.O. Aceite de Gata-Hurdes e durante moitos anos, ademais, foi vicepresidente a Comisión Apícola de Extremadura. Ademais, estimulou a creación de casas de turismo rural; queixarías; fábricas de mel, conservas e embutidos; obradoiros artesanais, aulas culturais no rural, cursos de formación permanente etc.

En paralelo á súa actividade profesional, escribiu guións radiofónicos para programas da SER Badajoz e Radio Juventud de Mérida. Tamén escribiu innumerables artigos de prensa sobre temas xeográficos, culturais e transfronteirizos, e durante moitos anos foi o responsable do ámbito rural do xornal Hoy, onde empregou os pseudónimos de Dom Fray Gaspar, Jorge de Come Toxón, G. de Sanmartín, Cerex e outros.

Patriarca da Fala do val do Ellas
Compatibilizando o anterior, Domingos Frades proseguiu co seu estudo e difusión da Fala, o conxunto lingüístico formado polo valverdeiro (3.000 persoas en Valverde do Fresno), lagarteiro (900 persoas nas Ellas) e mañego, a súa (700 persoas en San Martiño de Trebello).

Foi organizador e / ou relator en diversos congresos, xornadas e encontros arredor da Fala en Cáceres, Santiago de Compostela, Salamanca, Olivença etc. Lembramos especialmente o “Congreso Internacional sobre A Fala”, en Valverde en 1999, con presenza de especialistas en minorías lingüísticas de diversos países europeos, ou o “Curso de Verán sobre A Fala” en San Martiño de Trebello, coa asistencia do vicepresidente da Xunta Anxo Quintana.

Domingos Frades foi o fundador e presidente da Asociación Fala i Cultura do Val do Ellas en 1991, e o instigador do “Manifesto dos Tres Alcaldes” de agosto de 1993, cando os alcaldes pediron publicamente recoñecemento e protección para a Fala. Del foi a iniciativa da celebración do “Día da Nosa Fala” en 1992 nas Ellas, en 1993 en Valverde e en 1994 en San Martiño.

Durante tres lexislaturas foi tenente en San Martiño de Trebello. Por iniciativa súa rotuláronse os indicadores de estradas e as rúas e prazas da vila en bilingüe mañego-castelán.

Estudos lingüísticos e obra literaria de Domingos Frades
Fóra das publicacións relativas ao mundo rural ou ao estudo da historia local ou comarcal, das obras de Frades destacamos:

  1. Estudos e traballos lingüísticos:
    • Algu sobre a nosa fala (I), 1975.
    • Algu sobre a nosa fala (II), 1975.
    • Coñocer y actuar, 1976, cun vocabulario mañego-castelán de 600 voces e un apéndice ortográfico.
    • Vamus a falal. Notas pa coñocel i platical na nosa fala, 2000.
    • O seu discurso de ingreso na RAG “Por que estó contentu de falar?”, publicado n’A herdanza da lingua: o galego de Asturias, León, Zamora e Cáceres (2004, pp 27-36).
  2. Traducións e edicións:
    • Nubis i clarus (1975), edición dos poemas mañegos de Eugenio Gómez, cóengo de Cádiz.
    • O pequenu príncipi (2014), tradución ao mañego de varios capítulos de Le petit prince.
    • Novu testamentu en Fala (2015), a súa obra magna, a tradución ao mañego do novo testamento.
  3. Obra literaria:
    • Guixiarrus...Labeiras, poemario de 1976.
    • Ditus i feitus, poemario de 1977.
    • Versus de un verán, 1977.
    • Callejeiru mañegu, de 2004.

O día 20 de xaneiro de 2023 presentouse en Badallouce o libro compilatorio Versus valeoris da nosa fala. Obra poética mañega en edición bilingüe de Alicia Manso e Henrique Costas. Nel recóllense os catro poemarios anteriores xunto con poemas inéditos do autor, que falecera só uns días antes.

Por toda unha vida dedicada á dignificación, estudo e divulgación das tres falas do seu val, a RAG nomeouno correspondente nunha solenme e extraordinaria sesión celebrada o 18 de decembro de 2004. Aquel día, ademais de Frades, foran nomeados correspondentes Carlos X. Varela Aenlle, polo Eo-Navia; Héctor Silveiro Rivas, polo Bierzo Occidental; e Felipe Lubián Lubián, polas Portelas de Zamora. En nome da RAG déralles a benvida Francisco Fdez Rei.

Foise Domingos Frades, “Mingus”, o mellor cantor das terras, das xentes e da fala do Val do Ellas, pero o seu exemplo de amor e entrega á lingua permanece en novas filólogas nativas como a valverdeira Alicia Manso (U. Paulista), a mañega Tamara Flores (U. Aveiro) ou a lagarteira María Sánchez (USAL).

Xosé Henrique Costas
Académico correspondente