Mercedes Fernández-Couto, Alonso Montero, Juan Luis Beceiro e Ana Menéndez
O xeneral Juan Beceiro Amado (1903-1990) dedicou moitas das súas horas de lecer á tradución de clásicos da literatura universal á nosa lingua. Deste xeito, entre os anos 1972 e o 1979, trasladou ao galego O Quixote da Mancha, Contos e lendas d´a Eirín, Vida e milagres do Lazariño de Tormes, A Odisea de Homero e o Hamlet de Shakespeare.
O Xeneral Beceiro
Trátase, en moitos dos casos, segundo ilustrou no seu discurso de agradecemento o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, da primeira tradución destas obras coas que conta o noso idioma. E engadiu: "Ademais destas verdadeiras xoias, en vindeiras datas Juan Luís Beceiro hanos enviar tamén outra obra manuscrita de seu pai titulada Comentos, follas dun vocabulario galego-castelán, que está lonxe de ser unha dicionario ao uso, xa que moitas das entradas están ilustradas con exemplos tirados da paremioloxía popular e, nalgúns casos, mesmo con relatos da súa invención".
"Estas cinco obras", concluíu Alonso Montero, "chegadas á Academia grazas aos bos oficios como intermediario do xornalista ferrolán Siro López, quedan desde hoxe atesouradas no noso Arquivo, accesibles á curiosidade dos estudosos e especialistas".