Un dos últimos informes do Estudio General de Medios (EGM) indicou que a penetración da televisión na poboación española é do 88.5% (descoñezo se hai datos segregados por autonomías), seguida por Internet, co 62.4%, e a radio, co 60.4%. Por se fose pouco, ao analizar a tendencia deste indicador dende o ano 2000 ata 2015, vese que a hexemonía da televisión se mantén nuns valores de sorprendente estabilidade, pasando do 89.2% en 2000 ao 88.5% en 2015.
E ollo, non caïamos na tentación de pensar que a "caixa tonta" está ferida de morte a mans de Internet: o negocio televisivo está máis vivo ca nunca, inmerso nun proceso de transformación por mor do ascenso dos recursos en liña: un 38.2% dos internautas utiliza algunha aplicación no seu móbil ou tableta que está relacionada coa televisión; nomeadamente faino a través das aplicacións asociadas ás principais canles nacionais ou autonómicas, que son empregadas polo 30.4% dos que acceden a Internet a través de plataformas portátiles. Dos usuarios destas aplicacións, o 54% empréganas varias veces á semana e o 23% a diario. O consumo televisivo a través destes soportes é un fenómeno imparable: no ano 2015, un 31.5% dos enquisados afirma tela visto a través deles no mes anterior á realización da enquisa. Este valor supón un ascenso do 36% respecto ao dato tomado no ano 2013. A radio está a seguir un proceso parello.
Cómpre aceptar a evidencia: os medios de comunicación son unha das ferramentas máis poderosas para a normalización da lingua e iso podería terse en conta á hora de deseñar estratexias. E non me estou a referir á idea xeral de fomentar o uso do galego, senón a accións máis concretas, como a mellora da corrección gramatical, empezando polas eivas máis relevantes.
Postos a establecer prioridades, pensou vostede algunha vez nos erros que considera máis graves no emprego da nosa lingua?
No uso cotián do galego todos detectamos moitas desviacións da norma; pero para min dúas son as prioritarias: o (mal)uso dos tempos verbais compostos e a mala colocación do pronome átono.
Non me gusta escoitar un "Ela habíalle dito que non fose" ou un "Eu che digo que..."(abofé que este último erro non é tan de vulto como o dos tempos verbais, aínda que adoita ser máis frecuente), pero confeso que me preocupo cando os escoito nos medios de comunicación, polo seu poder amplificador e pola acción imitadora que xeran no seu público.
Aí debería enfocarse un certo esforzo na procura da corrección gramatical. E con "aí" estoume a referir tanto ao espazo en xeral (á televisión e radio) como á recondución deses dous erros en particular.
Non sería mala idea introducir nalgún programa de certa audiencia uns segundos destinados a combater eses dous erros; dese xeito recuperaríase terreo.
Non se descarte mesmo facer unhas tarxetiñas plastificadas, a modo de calendario de peto, para enviar ao grupo de persoas que máis influencia mediática teñen no noso país. Xa postos, un envío aos principais estandartes da clase política non estaría mal.
E cal sería o contido desa tarxetiña plastificada? A escaseza de espazo imporía brevidade, pero daría eficacia. Quizais fose boa idea que contivese unha frase mal escrita coa súa versión corrixida. Un exemplo para cada erro. O título desta tribuna podería servir para a casuística do pronome átono. O deseño da frase debería pensarse ben; e é que xa se sabe, vivimos nuns tempos nos que as formas son, de seu, un poderoso contido.