Florentino López Cuevillas
López Cuevillas formou, xunto con Otero Pedrayo e Vicente Risco, o cerne da Xeración Nós, o grupo de intelectuais ourensán cos que encetou conxuntamente proxectos como a edición das revistas La Centuria e Nós, a militancia no galeguismo organizado e a participación no Seminario de Estudos Galegos. A Edade do Ferro na Galiza foi, precisamente, o discurso lido por Cuevillas o día da súa entrada no Seminario, o 18 de abril de 1920.
En 1968, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao prehistoriador ourensán, a Real Academia Galega editou este ensaio de xeito monográfico, con verbas limiares a cargo de Xaquín Lorenzo, Marino Dónega e Bouza Brey. Esta obra pódese descargar agora aquí.
Florentino López Cuevillas foi tamén membro numerario da Real Academia Galega, institución na que ingresou, xunto con outros dezaoito membros numerarios, o 27 de xullo de 1941 co fin de ocupar as vacantes producidas pola Guerra Civil no Plenario desta corporación. Por mor do elevado número de novos académicos, Fermín Bouza Brey deu lectura a un único discurso de ingreso en nome de todos eles que foi respondido polo novo presidente da Academia, Manuel Casás.