Xesús Alonso Montero advertía no limiar de Rosalía de Castro na Real Academia Galega(Fundación Rosalía de Castro, 2006) que non se pode facer historia do rosalianismo sen termos en conta certos discursos de ingreso na RAG. Entre os capítulos fundamentais da crítica rosaliana que existían ata a saída do prelo deste volume, editado co gallo do centenario da institución, cumpría salientar para o académico tres: o pronunciado en 1929 por Otero Pedrayo, Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal, "modelo de interpretación conmovedora"; o de Carballo Calero, Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, lido en 1958 e "modelo de erudición esclarecedora"; e Diálogos con Rosalía, de Luz Pozo Garza, que ingresou na Academia en 1996 cun "singular ensaio poético no que a autora se nos revela como unha gran rosalióloga".
Sobre a autora versa tamén o discurso da académica electa Francisca Herrera Garrido, Rosalía de Castro, que faleceu antes de poder lelo; e o de Victoriano Taibo (1948), Rosalía de Castro, precursora da fala.
Xa no século XXI, Bernardino Graña converteuse en membro de número da institución en 2010 co discurso titulado Contos populares e Rosalía; e os académicos de honra Arcadio López-Casanova, Basilio Losada e Marina Mayoral tamén lle renderon tributo á autora nas súas respectivas alocucións de ingreso na RAG, A modernidade poética de Rosalía: unha interpretación (2013), Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro (2015) e Por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía? (2017), respectivamente.
As referencias a Rosalía son ademais abondosas noutras intervencións deste tipo ao longo da historia da Academia, desde A saudade nos poetas galegos, de Ramón Cabanillas (1920), ata A boca da literatura. Memoria, ecoloxía, lingua, de Manuel Rivas (2009), Viaxe á semente: dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario, de Fina Casalderrey (2013), ou Voces termando da paisaxe galega, de Marilar Aleixandre (2017).
En palabras da académica correspondente Helena Villar Janeiro no epílogo de Rosalía de Castro na Real Academia Galega, "non é de estrañar que os membros da Real Academia Galega se preocupasen da Rosalía de Castro creadora no xénero máis sublime no que pode expresarse o ser humano, no uso da palabra máis libre e reveladora".