Portada do folleto
A finais do século XIX xurdían en España as Sociedades de Folk-lore a imitación da Folk-lore Society de Londres. O seu impulsor, Antonio Machado Álvarez, buscou a colaboración de escritores dos distintos territorios do país para acadar o seu obxectivo. Neste sentido, os seus contactos epistolares con Emilia Pardo Bazán, animándoa a crear unha Sociedade en Galicia, darían como froito a creación na Coruña da "Sociedad de Folk-lore Gallego", inaugurada oficialmente o 1 de febreiro de 1884. Esta Sociedade, presidida pola escritora coruñesa, contou coa presenza de intelectuais como Ramón Pérez Costales, Salvador Golpe ou Antonio María de la Iglesia, entre outros.
Os fins da Sociedade, que naceu á marxe de calquera ideoloxía política ou relixiosa, eran dados a coñecer pola súa presidenta no discurso inaugural:
"el Folk-lore quiere recoger esas tradiciones que se pierden ... y esos vestigios de remotas edades que corren peligro de desaparecer para siempre. Quiere recogerlos, no con el fín de poner otra vez en uso lo que cayó en desuso, sino con el de archivarlos... y formar con ellos ... un museo universal, donde puedan estudiar los doctos la historia completa del pasado."
Para levar adiante esta empresa redactouse, a modo de grande enquisa, o denominado Cuestionario del Folk-lore Gallego, aprobado pola Xunta Directiva da entidade en outubro do mesmo ano. Constaba de oito apartados nos que se abordaban temas como o idioma e literatura popular, os costumes, as festas, as crenzas e supersticións, ou o traballo e as artes populares, levándose así a cabo unha gran recompilación de datos por toda Galicia. Este cuestionario foi moi gabado en Francia, segundo o testemuño de Pardo Bazán, quen tivo a honra de representar a "Sociedad de Folk-lore Gallego" nunha reunión da Sociedade homóloga de París.
Forman parte tamén do labor realizado pola "Sociedad de Folk-lore Gallego" os catro volumes dedicados a Galicia e integrados na Biblioteca de las tradiciones populares españolas, dirixida por Antonio Machado Álvarez.
En definitiva, a Sociedade deixou unha fonda pegada na recuperación e conservación da nosa cultura popular, polo que pode considerarse un dos antecedentes da posterior creación da Real Academia Galega.
Emilia Pardo Bazán, entusiasta do folclore, ademais de presidir e impulsar a Sociedade, trasladou á súa obra de creación literaria, especialmente aos contos, constantes referencias á cultura popular galega.
A Real Academia Galega ten a sede desde 1978 na súa casa da rúa Tabernas da Coruña, onde, ademais de poder visitarse a Casa-Museo da escritora, se custodia o seu legado arquivístico e bibliográfico, ao cal pertence esta pequena mostra.
O texto completo pode descargarse aquí.