Imaxe dunha Xunta Ordinaria da Academia celebrada o 10 de marzo de 1968. Luís Iglesias é o terceiro pola dereita
O entomólogo vigués analiza no seu discurso de ingreso, que tivo lugar o 18 de decembro de 1947, as características biolóxicsa destes coleópteros carnívoros e benéficos para a agricultura ao incluíren na súa dieta alimenticia larvas e vermes daniños para os cultivos, mesmo a procesionaria do piñeiro.
Iglesias Iglesias enumera, a seguir, a ampla variedade de especies de carábidos atopadas en Galicia, clasificándoas a partir das súas diferenzas morfolóxicas. Entre as especies citadas aparece o carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory, da que só foron atopados exemplares na Fonsagrada luguesa.
Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Otero Pedrayo diserta sobre a presenza dos insectos na literatura, ora como símbolo da psique (a bolboreta), ora como arquetipo dunha organización social utópica (as abellas). Otero evoca, así mesmo, a tradición dos estudos científicos en Galicia, desde o Padre Feijoo e Martín Sarmiento, ata Cornide e Miguel Colmeiro, e remata a súa alocución situando o científico vigués no ronsel destes estudosos.
O discurso de Luís Iglesias titulado Especies del género carabus en Galicia, pódese descargar nesta ligazón.