“A súa voz, con obra plena e excelente, está operando. Seguimos tendo viva esa raigaña, fonda, nutridora de novos e valiosos froitos. Dos degaros e afáns deses homes egrexios, que andaron polos camiños de Galicia con novo andar, estámonos alimentando nós en boa parte”, recoñecíalles Del Riego no peche do discurso. “Legáronnos ansia de coñecemento e superación, vocación de loita sabida previamente desigual; e os homes de hoxe, ao acatar este herdo, son a mellor proba da nobreza dos seus empeños”, concluía.
O discurso foi publicado pola Real Academia Galega en 1973. Co gallo do Día das Letras Galegas de Del Riego a institución agasallou o público asistente ao pleno extraordinario do pasado 17 de maio, celebrado en Lourenzá, cunha copia facsimilar. A edición inclúe a resposta que lle deu a don Paco en nome da RAG Ricardo Carballo Calero. O protagonista das Letras Galegas de 2020 trazou o perfil biográfico do novo académico, a quen recoñecía como amigo íntimo dende os anos universitarios en Santiago de Compostela.
Carballo Calero puña tamén o acento nas súas palabras na transmisión xeracional desa vontade de ser que sinalara don Paco. “Os homes da promoción de Del Riego son tan próximos en idade a nós mesmos, os nosos irmáns menores, que algo deprenderon de nós, pero que máis ben son discípulos dos nosos propios mestres”, dicía. Seguindo o ronsel, o presidente da RAG recoñeceulles tamén este 17 de maio aos galeguistas do tempo de Del Riego o seu legado. “Co seu exemplo e co seu traballo gañaron un futuro para todos nós”, expresou Víctor F. Freixanes.