Tribuna

De Sarmiento a Juan Carlos Mestre. Unha viaxe por tres textos da literatura galaico-berciana

Traemos a esta Tribuna a nova da edición dun texto que contén unha poderosa e fecunda enumeración para a literatura galega, e que nos invita a facer unha viaxe no tempo, de onte a hoxe, a través dunha vila berciana, outra galega e o vigor literario da nosa lingua. Tres autores e tres épocas distintas: o padre Sarmiento, Antonio Fernández Morales e, máis próximo a nós, o poeta Juan Carlos Mestre.

Naceu Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, autor do Coloquio en 1200 coplas galegas, que vén sendo o punto de partida da literatura contemporánea en galego. Nun día de feira comeza ese poema do ano 1746. Tamén nunha feira, e seguindo o modelo daquel mercado que evocaba o ilustrado en Pontevedra, Antonio Fernández Morales é autor da segunda composición, escrita uns 100 anos despois: un extenso poema dedicado a aquela vila berciana e de novo ao bulir dunha feira ao pé do río Burbia. O terceiro texto, escrito por Juan Carlos Mestre, outro vilafranquino, non por casualidade, seguindo a riseira memoria de Sarmiento, bota man do mesmo recurso enumerativo na cabeceira da presentación na súa vila natal do seu primeiro libro en galego, 200 gramos de patacas tristes.

Comecemos logo esta viaxe na Pontevedra, vila amada por Sarmiento:

Na vila é costume
dempoisqu'acoñezco
qu'os sábados todos
do ano e arreo,

se faga mercado
mercando e vendendo
mil cousas do usso
con muitocomerzo

de olas, de potes,
de asados, pucheiros,
de pratos, cazolas,
picheles e petos,

angazos e rodros,
rebolos e eyxos,
de rocas, de fusos,
de trouzos, sarelos,

de polas e polos,
de lebres, coelhos,
de pitas e ovos,
deveces son frescos,

marrás, bacuriños,
años e carneiros,
capós e cabirtos,
e todo a bom prezo...

Antonio Fernández Morales a mediados do século XIX, imitando a Sarmiento, comeza o seu poema "Vilafranca e a vendima" –que logo publicará nos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861)– cunha longa enumeración que reproducimos:

Entrando logo na villa
franca, garrida, sencilla
que honores ten de Ciudá,
un castillo hacia Castilla
o viaxeiro atopará.

Atopará dulce trato
que regale seus deseos;
tertulias, bailes, boato,
café, teatro, paseos
e cuanto pode ser grato.

Si logo se vai á plaza,
ailí verá pampalliños,
liño en cerros pequeniños,
de Dragonte leña e caza
e de Hornixa marraniños.

Leite fresca de Vilela;
as tarxas de Ponferrada;
as truitas de Paradela;
de Burbia a leite mazada
i estopa de Horta en manelas.

Manteca, en grandes roscois
de tripas, de Paradiña;
de Penoselo jamois;
perdices da Veigueliña,
e de Ruitelán castrois.

De Bembibre pimentón;
nas tabernas muitas zorras;
de Galicia pescao bon;
trigo e mel de Valdeorras,
e figos de Corullón.

Furcos de cebolas e allos;
rocas, cucharas e fusos;
forcadas, palas e mallos;
pano burdo pra rodallos;
monteiras e outros máis usos.

E, pra co gotín, se atopa
de sardiñas unha tropa,
pulpo e outros adminículos;
roldos de lenzo e estopa
i outros cen e cen artículos.

Finalmente en Vilafranca un 12 de outubro de 2019, ante un teatro cheo de público, dixo Mestre:

...Penso. Estou pensando naqueles traballadores e artesáns, carpinteiros de madeira de carballos, vendedores de fruitos nas feiras do martes, xentes de viña e labradores de hortas, carteiros que traen a afastada aperta do amor e panadeiros de fogazas douradas, tendeiros de quincalla e anzois, drogueiros de pedra pómez e de clorato potásico, cazadores de perdices, modistas de elegancia e pasteleiros de follado, viñateiros, homes que ferraban cabalos, xastres de traxes de mahón e sotanas de muitos botois, latoeiros de cántaras de cobre e de botes de pementos, ebanistas, perruqueiras de festa e de casorio, cociñeiras de fondas, comerciantes de panos e muiñeiros de centeo, algún pastor de ovellas e algún conde, muitas monxas e algún cura, enxameadores de abellas, cantineiras e hostaleiros, poetas e xardineiros de dalias e mirtos, apalpadeiros e pescadores de truitas, tipógrafos de necrolóxicas e follas parroquiais, caixistas de imprenta, banqueiras, telegrafistas e serenos, mestras e ferreiros, fotógrafos e magos, bebedores de viño e de augas sacras, os que buscan chourrapos e cogordos brancos, lavandeiras de trapos santos e sulfatadores das cereixais, pintores de árbores e de apóstolos, pulpeiros e tratantes de gando, fabricantes de almíbares, seres marabillados baixo o sol da vida, belidos faranduleiros e tamén algún farsante. Xente para sempre viva na memoria do noso corazón.

Foron palabras certamente ditas co corazón na comarca que conserva a lingua de seu e que comparte con Galicia, que nos fai irmaos a galegos e bercianos. Palabras que acaban de saír editadas na Revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro nº 113 onde invitamos a ler íntegro o texto. Aquel día, sentados nun palco do teatro, Mestre fíxonos lembrar de inmediato a rica presenza viva e futura de Sarmiento e de Morales. Foi o primeiro comentario que nos saíu de dentro a Anxo Angueira, ao editor Paco Macías e outros amigos que xestaramos con tremenda ilusión aquela presentación. Ao escuitar a alocución de Mestre mirámonos aos ollos e véusenos á cabeza a enumeración que usou Sarmiento no comezo do seu Coloquio, esa que acomete Morales no seu emblemático poema costumista. Un mercado na vila do Lérez, unha feira en Vilafranca e ese mesmo ambiente mercantil evocado na memoria riseira de Sarmiento que ecoa, se recrea e amplía coa fecunda e fortemente imaxinativa prosa poética de Juan Carlos Mestre. Unha fermosa enumeración recorrente de tres autores que representan tres épocas ben distintas coa Vilafranca de pano de fondo e coa mesma lingua como medio de comunicación e reivindicación.

Rematamos esta viaxe invitando a ler non só este texto, senón o conxunto de relatos-poemas que conforman o libro de J.C. Mestre 200 gramos de patacas tristes, que dalgún xeito se sintetiza no texto da súa presentación, que nos serviu de pretexto para esta nota. Un texto que no seu conxunto é toda unha proclama actualizada a favor da lingua que compartimos o Bierzo e Galicia, un berro xusto e claro cargado de esperanza.

Juan Carlos Mestre presentando Douscentos gramos de patacas tristes

Héctor M. Silveiro Fernández