Conmemoración dos 50 Días das Letras na Coruña

O acto, celebrado a ceo aberto na Praza de María Pita ante un abondoso público, contou coa presenza de numerosas personalidades da cultura e da política que renderon homenaxe aos protagonistas do Día das Letras Galegas.
Imaxe de grupo dos académicos e autoridades asistentes
Imaxe de grupo do palco dos académicos e autoridades asistentes ao acto


Ao evento asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de cultura, Jesús Vázquez; o director xeral de cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro; así como de membros da Academia, intelectuais e representantes dos concellos que acubillaron ás figuras homenaxeadas o Día das Letras.

Imaxe de grupo dos alcaldes que asistiron ao acto
Imaxe de grupo dos representantes civís que asistiron ao acto


O mantedor do acto foi o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo que, despois de agradecer a asistencia a todos os presentes, felicitou o pobo galego por facer súa esta efeméride e salientou o papel principal da literatura na construción da nación, pois "a literatura axudounos a deseñar o mapa simbólico dun país futuro".

Rosario Álvarez lendo a carta da comisaria Europea
Rosario Álvarez lendo a carta enviada pola
comisaria europea Androulla Vassiliou

Como proba da importancia da celebración do Día das Letras Galegas, a académica de número, Rosario Álvarez Blanco, deu lectura a unha carta remitida pola Comisaria Europea de Educación, Cultura, Multilingüísmo, Xuventude e Deporte, Androulla Vassiliou. Nela, deu os seus parabéns á Real Academia Galega polo seu "importante traballo en defensa da cultura galega", e afirmou a defensa da variedade lingüística como un dos principais obxectivos da Unión Europea de acordo co seu lema: "Unidade na diversidade".

A seguir, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira Souto, deu a benvida aos asistentes "a unha cidade aberta de par en par a todos os galegos" e lembrou o papel histórico da Coruña como cerne da galeguidade: "aquí naceron a Real Academia Galega e as Irmandades da Fala".

Retomou a palabra de novo o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos Agrelo, para dar voz aos alcaldes e representates civís chegados de toda Galicia. Agradeceu especialmente a presenza dos de Vilafranca do Bierzo e A Veiga (terra Eo-Navia), pois "é a lingua o que define as nosas fronteiras". Tomaron a palabra, entón, alcaldes, alcaldesas e voceiros chegados dos concellos de Padrón, Rianxo, Ponteceso, Outes, Celanova, Ourense, Mondoñedo, A Estrada, Muxía, Tui, Bergondo, Pontevedra, Cambados, Viveiro, Santiago de Compostela, A Coruña, A Veiga, Boborás, Abadín, Lugo, Ponteareas, Vigo, Valga, Cuntis, Leiro, Vilafranca do Bierzo, Noia, Monterroso, Sada, Láncara, Folgoso do Courel e Monforte de Lemos, que deron lectura a breves fragmentos da obra de cada unha das figuras protagonistas do Día das Letras.

Imaxe duns rapaces esparexendo auga
Imaxe dos escolares compoñendo o xardín
simbólico

Entrementres, tivo lugar unha cerimonia de carácter simbólico na que rapaces chegados Padrón, Mondoñedo, Cambados, Ponteceso, Celanova e o Courel depositaron distintos elementos naturais -terra, auga doce e salgada, area, herbas e arume arpado- ata completar unha alegoría da vizosidade e continuidade da nosa cultura.

Deseguido, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, interviu facendo memoria dos "anónimos que mantiveron en pé a lingua galega ao longo tempo" e tamén daqueles "ilustres que a cultivaron con arte e fixeron dela un instrumento afinadísimo de uso literario, científico e filosófico". Enviou o presidente un saúdo a Irlanda "a través do mar céltico", pois neste mesmo 16 de xuño se celebra en Dublín o Bloomsday, festa que conmemora a publicación do Ulysses de James Joyce. Sobre o Día das Letras Galega salientou que "foron cincuenta anos de labourar arreo, como di o poema de Celso Emilio Ferreiro" e que esta festa expresa "o orgullo de sermos galegos e o orgullo de nos sentir un pobo único no concerto múltiple e contraditorio das nacións". Rematou a súa intervención cunha despedida pondaliana, desexándolle "saúde e boandanza" aos presentes.

Imaxe do gaiteiro Xosé Manuel López
Actuación do gaiteiro Xosé Manuel López coa
Banda Municipal de Música da Coruña

O acto contou con diversas intervencións musicais a cargo da Banda Municipal de Música do Concello da Coruña e foi clausurado coa interpretación do Himno Galego por parte do coro Cántigas da Terra.