Deseño do programa do Congreso
Organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, o Congreso Valentín Paz Andrade afondará nas diversas facetas da personalidade poliédrica do protagonista do Día das Letras Galegas.
O encontro dará comezo o xoves 13 de decembro ás 9:30 horas no Pazo de Congresos de Pontevedra coa entrega de documentación. Seguidamente, intervirán os investigadores Ramón Villares, Tucho Calvo, Luís Cochón, Emilia García López, Charo Portela, Xan Carballa, Miguel Anxo Seixas, Manuel Rivas e Luís Bará, que tratarán a complexa biografía do homenaxeado desde distintas perspectivas. A xornada rematará cun coloquio previsto para as 19:30 horas.
Gregorio Ferreiro Fente abrirá o Congreso o venres, seguido polas intervencións de Ana Acuña, Xesús Alonso Montero e Luís González Tosar, que centrarán as súas esculcas na dimensión poética de Paz Andrade. O académico Xosé Henrique Monteagudo, pola súa banda, tratará os aspectos lingüísticos da obra do homenaxeado, mentres os investigadores Camilo Nogueira Román, Xavier Vence, Xosé Manuel Beiras Torrado, Carlos Ramos Aguirre e Xusto Beramendi dedicarán as súas intervencións a analizar a vertente política de Paz Andrade. De novo, un coloquio pechará esta xornada.
O sábado 15 de decembro, o profesor Xosé Luís Axeitos Agrelo abrirá o último día do Congreso cunha ponencia sobre o reflexo de Galicia que ofrecía o xornal fundado por Paz Andrade en 1922, o Galicia. Seguidamente, Carlos Paulo Martínez Pereiro afondará nas relacións entre o polígrafo pontevedrés e a cultura brasileira. Alfonso Álvarez Gándara tratará a figura do homenaxeado, mentres o profesor Darío Villanueva será o encargado de pronunciar a conferencia de clausura. Como colofón, o coro tradicional Cantares do Brión (Vincios, Gondomar) interpretará diversas pezas musicadas de Valentín Paz Andrade.
A inscrición no Congreso e gratuíta. Para formalizala cómpre enviar un correo electrónico a secretaria@realacademiagalega.org en que figuren os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico e teléfono.
Para máis información, pode descargar aquí o programa completo do Congreso Valentín Paz Andrade.