Historicamente confraría é a asociación de persoas, xeralmente laicas e devotas dun mesmo santo, que teñen como obxectivo a defensa ou axuda mutua dentro dun oficio ou a realización de accións piadosas. Así mesmo designa a asociación ou congregación de laicos que se reúnen con fins relixiosos, xeralmente para venerar e render culto a un santo ou a outro obxecto digno de devoción.
Diferente destas acepcións é o uso de confraría para se referir á asociación de xente do mar (armadores, mariñeiros, mariscadores e mariscadoras) e tamén ao lugar onde esta xente se reúne. No galego da beiramar pósito é un termo moi popular para estas últimas acepcións, en concorrencia co popular castelanismo cofradía e mesmo coa forma culta confraría.
Os denominados pósitos pescadores creáronse para conciliar os intereses de pequenos armadores e tripulantes e deste xeito contrarrestar o auxe do sindicalismo de clase nos vapores e nas motoras da sardiña que se producira nas Rías Baixas e no Golfo Ártabro despois da I Guerra Mundial. En 1917 redactouse en Cambados a acta de constitución do Pósito Pescador de la Ría de Arosa, que foi o primeiro de Galicia e de todo o Estado español; logo os pósitos fóronse institucionalizando e espallando polo litoral, sobre todo na década de 1920 na ditadura de Primo de Rivera. Antes de aplicarse en España ao mundo mariñeiro, desde o século XVI o termo pósito designaba en Castela e noutras rexións españolas a institución municipal que almacenaba cereais para prestárllelos aos labregos en época de escaseza e tamén era o celeiro para gardar a gra.
Na II República aumentou considerablemente o sindicalismo de clase en todo o litoral de Galicia, para o que a xente do mar contou coa poderosa "Federación Regional de Industria Pesquera" integrada na CNT. Neses anos a loita social mariñeira protagonizárona, sobre todo, as tripulacións dos vapores de altura da Coruña, Marín e Vigo, a dos vapores de pasaxe de Moaña e a das motoras da baixura de Cangas e Moaña, que reivindicaban melloras nas condicións de traballo e de embarque. Na ría da Arousa os mariñeiros dos galeóns de Vilanova e de Pontecesures e os estibadores de Carril protagonizaron diversos conflitos. Producíronse folgas da xente da conserva e das atadoras e conflitividade na xente que cargaba carbón para os barcos, moitas veces mulleres, como ocorría en Cariño, que se metían no mar coa carga á cabeza. E na pesca de baixura houbo paros con sona, coma en xuño de 1936, con toda a frota da sardiña de Muros á Guarda amarrada porque o prezo dese peixe estaba polo chan.
Nesa xeira republicana o sindicalismo de clase superara en número e influencia o sindicalismo mixto que representaban os pósitos e as sociedades mixtas de pescadores, máis implantadas en portos pequenos. Con todo, o proletariado do mar comezou a disputar tamén eses espazos, do que son boa proba os pósitos de Pontevedra e Mugardos, baixo influencia dos comunistas do PCE, e o de Cambados, que en 1936 estaba na órbita da CNT. Despois do 18 de xullo dese ano houbo unha forte represión na beiramar galega, os sindicatos de clase foron ilegalizados e os Pósitos de Pescadores, por unha orde do Ministerio do Traballo de 21 de marzo de 1943, convertéronse oficialmente en Cofradías de Pescadores, que pasaron a depender do franquista Sindicato Vertical de Pesca e do Instituto Social da Mariña. Establecíase que a cofradía tivese un cabildo ‘cabido', nome tomado da xunta das comunidades eclesiásticas, e un patrón maior á fronte, polo que por lei desaparecían os termos junta directiva e presidente dos antigos pósitos. Por outra parte, o carácter confesional católico foi obrigatorio nas cofradías, polo que cada unha tiña que se adscribir a efectos relixiosos á parroquia e declarábanse festas oficiais a do santo Patrón (ou Patroa) da vila e a da Virxe do Carme, que en 1901 a raíña rexente María Cristina declarara patroa da mariña de guerra. A cofradía podía nomearse un capelán, elixido entre os cregos da parroquia, que formaría parte do cabildo con voz pero sen voto.
Segundo o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) no galego escrito a primeira forma documentada de confraría está en Sarmiento (1746), que usa confradía sen referirse ao mundo do mar, como tampouco teñen acepción mariñeira confradaría en Mirás (1864), confradía en Xan de Masma (1899) e Baña Pose (1911) e confradería en Tettamancy (1912); A seguinte documentación, confradía en Filgueira Valverde (1927), xa se refire ao mundo do mar:
Pouco pode enxergar de isto quen non seipa o que foi en Pontevedra aquela gilda antiga, aquel podente gremio, aquela República do Mar, chamada a Confradía do Corpo Santo, que do cruceiro de San Roque, gobernou na Ría e nas terras da súa beiramar alongada. O señor Xohán, o Vigairo é tido en respeito porque o seu falar é o falar dos vellos.
Polo que respecta a pósito a primeira documentación na historia do galego escrito está en Vicente Risco (1920), que a emprega na acepción mariñeira:
A II Asambreia das Irmandades da Fala, tida en Santiago no mes de Outono de 1919, ratificou solenemente o Programa de Lugo, i aprobou as siguentes concrusiós: A) Políticas, Económicas e Sociaes Primeira. Traballare pola axuda percisa para os Pósitos de pescadores costituídos. Segunda. Pedí- la creación dun Banco privilexado pra fomentá- lo comercio d'Esportación.
No citado TILG hai moi diversos rexistros de pósito referidos ao mar en textos de 1990 á actualidade, algúns do Eo-Navia, aínda que a segunda documentación (Boletín Nós 1922) ten a acepción de celeiro (e o mesmo nalgunha obra recente):
As tullas do pazo eran os pósitos gratuítos dos labregos. Istes sentíanse protexidos polos señoríos ós que lle pagaban as rentas máis ben que como reconocemento do dominio das terras que traballaban, como pago da proteución recibida. Os cregos entón non eran desertores do arado mal desbastados no seminario, senón segundós de casas acomodadas.
O Parlamento español aprobou no 2007 a Lei da Memoria Histórica pola que placas, monumentos e toda a simboloxía fascista teñen que retirarse dos edificios. Esta lei debería aplicarse tamén ao nome Confraría (de Pescadores), pois confraría é a galeguización do termo franquista cofradía imposto na inmediata posguerra. Un nome acaído podería ser Pósito de Mariñeiros, porque mariñeiro en galego, como xa se indicou noutra entrada, é termo xenérico para quen traballa no mar, mentres que pescador designa o mariñeiro que pesca con liña; ou mesmo podería cambiarse por Pósito de Mariñeiros e Mariscadoras, porque estas hoxe son un colectivo importante en moitos pósitos, e nalgún actualmente é unha muller quen está á fronte. A primeira confraría mariñeira galega que elixiu unha Patroa Maior foi a do Vicedo, en 1996.
A forma pósito é un cultismo que en galego, sen dúbida, entrou polo castelán e que arraigou en falas mariñeiras, sen que o franquismo lograse erradicalo. Trátase dun termo que carece das connotacións aínda en boa parte relixiosas da voz franquista cofradía, galeguizada como confraría na xeira autonómica. Con todo, este termo está moi documentado en textos medievais para designar gremios vilegos de artesáns e de xente do mar, como se ve no Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG) ao que pertence esta cita de 1445 do Livro do Concello de Pontevedra (1431-1463) que se refire, entre outras, a unha famosa confraría de mareantes:
E Afonso de Canba e Juan da Cäal, çapateiros, vigarios da confraria de San Giäao, e Pero Garçia, pedreiro, e Gonçalvo de Caadro, en nome da confraria de San Juan, porque se obligaron, e Juan Domingues Carmena, vigario da confraria do Corpo Santo dos mareantes, e Fernan Correa, procurador da dita confraria dos mareantes e Afonso Yanes de Fafinãas, vigario da confraria de San Miguell e Fernan Gonçalves Siebre, ferreiro, vigario da confraria de S. Nicoläo por sy e en nome dos confrades das ditas confrarias e republica da dita vila.