Comeza a recolla de suxestións para a elección da Palabra do Ano 2024

A campaña para a elección da Palabra do Ano 2024 xa está en marcha. A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abriron esta mañá a primeira fase desta iniciativa promovida a través do Portal das Palabras, o proxecto web que comparten para a difusión do léxico galego. Todas as persoas que o desexen poderán participar ata o domingo 8 de decembro na fase de recolla de suxestións, da que sairán as voces finalistas. A votación popular desenvolverase entre o mércores 11 de decembro e o mércores 25 de decembro dende esta ligazón.

A busca da Palabra do Ano pretende implicar a cidadanía na identificacións de vocábulos que sinalen temas destacados na conversa pública dos últimos meses, que resuman como se viviron colectivamente, que garden relación ou dean nome a algunha nova preocupación ou fenómeno, ou mesmo que subliñen arelas colectivas coas que dicir adeus ao tempo que remata e recibir o que comezará en breve con nova ilusión. Poden ser tanto voces tradicionais da lingua galega coma neoloxismos e sintagmas nominais non rexistrados do Dicionario da Real Academia Galega.

O proceso consta de tres fases. Na primeira, aberta ata as 23:59 horas do domingo 8 de decembro, o Portal das Palabras escoitará as suxestións das persoas que as presenten a través da sección da Palabra do Ano 2024 de portaldaspalabras.gal. O mércores 11 de decembro anunciaranse as voces finalistas e comezará asemade a fase de votación telemática, que permanecerá aberta ata o mércores 25 de decembro ás 23:59 horas. A Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2024.

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas cibercarracho (2023) comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público a aplicación de xogos do Dicionario, o Ximnasio Léxico, dispoñible para dispositivos Android e iOS.