Tribuna

Circunstancias extraordinarias

Ninguén podía imaxinar un contexto tan adverso para a celebración do Día das Letras Galegas, a nosa festa grande. Mais invitamos a sociedade galega, alén das dificultades do momento, a manter viva a memoria dunha data tan significativa para todos nós, conmemoración da primeira edición dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en 1863, primeira pedra simbólica do noso Rexurdimento.

Este ano a figura homenaxeada é o profesor Ricardo Carballo Calero, ou Carvalho, como el prefería grafar o seu nome na derradeira etapa da súa vida. A RAG honra a súa memoria nesta edición das Letras que, por circunstancias non previstas, estase a converter nunha celebración extraordinaria. A resposta social está viva. Nas últimas semanas non só non minguou senón que medrou tamén de xeito extraordinario o número de demandas, consultas, ofrecementos e suxestións que chegan á RAG a través da web e as plataformas de participación que temos abertas.

Dada a gravidade dos acontecementos e diante da imposibilidade de organizar as cousas axeitadamente, acordamos pospoñer a sesión académica do 17 de maio para o 31 de outubro (sábado), un día despois do 120 aniversario do nacemento de don Ricardo. Na súa cidade natal procuraremos daquela celebrar con todos os honores o Día Grande das Letras Galegas, dedicado á súa persoa.

O mes de maio segue sendo un mes luminoso. O profesor gustaba de dicir que o ano 1910, ano do seu nacemento, fora un ano especial, o ano do cometa Halley, que asustou o mundo e inspirou toda clase de agoiros. Tamén promoveu unha alta dose de enerxía. Por iso, malia as circunstancias, queremos celebrar a don Ricardo. Agasallamos a súa memoria, a significación da súa obra e o seu talante. Á espera doutras iniciativas, acordamos para este mes algo especial: un mosaico de voces arredor da súa figura, microespazos nos que participan académicos numerarios, correspondentes e persoas que tiveron relación co profesor, o poeta, o dramaturgo, o narrador, o ensaísta, o crítico literario, o historiador da literatura, o polígrafo…

Unha palabra para don Ricardo. Cadaquén escolleu a que consideraba máis representativa da súa obra e da súa personalidade: compromiso, Galiza, gramática, lingua, poeta, literatura, xigante, filólogo… Son coma labaradas, relampos que nos axudan a acompañar o persoeiro das Letras neste ano 2020. A figura de Carballo Calero, igual que a figura de Antonio Fraguas o ano pasado, atravesa o século XX coma un meteoro, coma o cometa que el evocaba, exemplo dunha xeración que, en moitos aspectos, foi sementeira de futuro.

Víctor F. Freixanes
Presidente da Academia