Chus Pato, á esquerda, e Erin Moure, nun momento do recital na Woodberry Poetry Room gravado pola Universidade de Harvard
O poemario Secesión saíu á luz en Galicia no ano 2009 con Galaxia, pero desde 2014 ten unha nova, ou dobre vida, Secession-Insecession, obra publicada pola editorial canadiana BookThug. "Ademais de traducir Secesión, Erin Moure escribiu por cada un dos meus poemas outro texto, o que ela chama ecolación. Isto interpretouse como unha proposta de tradución moi innovadora e o libro forma parte dos libros de lectura deste curso do Seminario de Tradución de Harvard", explica Chus Pato. E esa foi a razón pola que as dúas foron convidadas a finais de setembro a recitaren xuntas Secession-Insecession na Woodberry Poetry Room, nun acto que se pode ver nesta ligazón.
O recital repetiuse no campus de Amherst, da Universidade de Massachusetts, onde acollida foi "inmellorable", asegura. As dúas autoras foron tamén entrevistadas no blog da Poetry Room, onde Chus Pato salienta que para ela escribir en galego é "unha cuestión de xustiza e, xa que logo, de liberdade".
Neste especial proceso de ecolación o texto que fala dos domingos de choiva nas Galerías Centrales do Ourense da infancia de Pato reflíctese desde a outra beira do Atlántico noutro no que Moure, da mesma xeración, recorda os grandes almacéns de Calgary aos que ía coa súa nai. E onde Secesión fala dos mártires de Carral, Insecession escribe sobre as revoltas indíxenas, conta como exemplo Pato, que confesa que recibiu con asombro a invitación de Harvard. "Pero unha vez alí vívelo con normalidade, porque chegas e es unha poeta máis que vai ler a súa obra", engade a autora.
A lectura conxunta incluíu ademais algúns poemas tanto do último libro de Erin Moure como do de Pato, Carne de leviatán (Galaxia, 2013),que se publicará en inglés nos Estados Unidos a vindeira primavera. Será o seu quinto libro vertido ao inglés pola tradutora canadense, autora dun importante traballo a prol da visibilización da cultura galega no contorno anglófono.