Tribuna

"Chau": da escravitude á salutación

Desde hai bastantes anos, en galego -como en castelán-, moitos falantes -e moitas máis falantes- empregan este termo para despedírense, se ben en Italia, berce deste fenómeno lingüístico, tamén se emprega como saúdo inicial. O termo ten unha curiosa e interesante biografía. Eu oíno por primeira vez, neno de nove anos, o 20 de xaneiro de 1938. Era o día de San Sebastián, patrón de San Cristovo, aldea á beira do Avia, a dous quilómetros de Ribadavia.

Eu ía coa miña tía Sara, aínda solteira, e outras mozas amigas de Ventosela á misa do santo patrón, avogoso de non sei qué, pero eu ía por esparexer. Daquela, eu aínda non estaba moi solto no falar galego pois había só vinte días que, cos meus pais e irmáns, deixara Vigo, onde o meu idioma familiar e veciñal era o castelán. O caso foi que o barqueiro, o señor Benito "O Landruco", ao baixarmos da lancha -cando despois de pagarmos puxemos os pés no "chau"- acenou cun dos remos e dixo "chau", que me desconcertou. Non desconcertou a miña tía, que sabía moi ben que era unha pecular maneira de falar do señor Benito, aprendida na Arxentina, onde vivira varios anos. Había dous que retornara, un pouco "tulitates" ou xoto, ó parecer por un bebedizo que lle dera unha moza revirada daquel país. Pasaron bastantes anos para que o termo se xeneralizara en Galicia, daquela (1938) só empregado por "americanos" que viviran na Arxentina, sobre todo se foran vítimas dalgún bebedizo amoroso.

Pero "chau" non é un arxentinismo, é un italianismo, e foi a numerosa colonia italiana a que o introduciu no castelán de Arxentina, nomeadamente os italianos do norte, pois a palabra esa era propia dos dialectos norteños, moi arraigada no milanés.

Aínda que pareza moi estraño, "chau" procede do grego bíblico "sklavos", que deu en italiano xeral "schiavo" e, entre nós, "escravo". "Chau" emprégase na Italia do norte como fórmula de cortesía equivalente ó noso "servidor -ou servo- de vostede", acepción que evolucionou ata significar un xeito de salutación, xa nun encontro cunha persoa ou na despedida. Aló no fondo, se somos moi corteses, sempre nos proclamamos servos ou servidores desa persoa aínda que, desde hai moito tempo, ninguén interprete "servidor" no sentido literal.

Da orixe e da historia de "chau" fala con precisión Joan Coromines no seu celebérrimo Diccionario etimológico (1954), inescrito aínda cando eu oín por primeira vez, en xaneiro de 1938, palabra tan curiosa: tan curiosa que o que hoxe é, entre nós, unha fórmula de despedida, unha salutación, foi, nun principio, un termo escravista. Así o entende un servidor.

Xesús Alonso Montero
Presidente da Real Academia Galega