Nado a iniciativa dun grupo liberal denominado Liga de Defensores de Vigo, que tamén editaba La Concordia, o xornal pasou a ser desde 1927 propiedade do político liberal-centrista Manuel Portela Valladares, seguidor, naquela altura, de Eugenio Montero Ríos. O seu primeiro director foi Ramón Fernández Mato e o primeiro redactor xefe José Ribas Montenegro, a quen sucedeu Roberto Blanco Torres, protagonista do Día das Letras Galegas de 1999.
Formaban parte do equipo de redacción figuras destacadas do galeguismo da época, como Rafael Dieste, Xerardo Álvarez Gallego, Felipe Fernández Armesto ou Xoán Xesús González, ademais de Valentín Paz Andrade, encargado, canda Xerardo Álvarez Gallego, de escribir os editoriais. Carlos Maside era o director artístico do xornal, que contaba tamén con outros ilustradores como Manuel Torres e Álvaro Cebreiro.
A adhesión do Partido Galeguista á Fronte Popular resultou nun certo distanciamento co xornal, pero Portela Valladares mantivo vixentes, secasí, a meirande parte das colaboracións de autores galeguistas e apoiou, de xeito entusiasta, a campaña a prol do Estatuto, aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936.
Co estoupido da guerra civil e a posterior derrota do bando republicano, Manuel Portela Valladares - acusado de traizón polo bando franquista ao permitir a instauración do goberno, lexitimamente electo, da Fronte Popular- viu como lle era requisado El Pueblo Gallego, convertido nun órgano máis da Cadena de Prensa del Movimiento, condición na que foi pechado o 17 de xuño de 1979. O político pontevedrés, que fora presidente da II República e ministro de Fomento durante a Restauración, marchou ao exilio francés, onde morreu en 1952, legando os seus bens ao Museo de Pontevedra.