Víctor Freixanes, Margarita Ledo e Torres Queiruga
A encargada de introducir o acto foi a arquiveira da Academia, Margarita Ledo Andión, quen considerou o opúsculo de Pardo de Andrade como unha obra capaz de crear unha communitas, e que constitúe, asemade, un verdadeiro "documento de barbarie", no sentido benjaminiano do termo, pola súa representación dos abusos da Inquisición. Ledo Andión describiu o libro bicentenario de Pardo de Andrade como un texto "co-activo", destinado a influír nas conciencias, "estamos ante unha mostra de dialéctica: do paso da consciencia real á consciencia posible". A seguir, a académica cedeulle a palabra ao membro numerario da Academia, Víctor Fernández Freixanes.
Na súa alocución, Fernández Freixanes botou man do seu texto "Manuel Pardo de Andrade, unha biografía romántica", incluído na publicación Primeiros diarios galegos (1808-1809), editado polo Consello da Cultura Galega en 2008. Segundo Fernández Freixanes, o Diario de la Coruña, a pesar de non ser, en rigor, a primeira publicación periódica en Galicia –ese posto honorífico correspóndelle a El Catón Compostelano- si é a primeira digna de ser considerada un xornal "pola calidade e variedade da súa información que inclúe avisos, anuncios, editoriais, fontes diversas,…". Víctor Freixanes relaciona o nacemento da prensa en Galicia coa necesidade de espallar o credo ilustrado: "Xa en 1797 Pardo de Andrade lle pedira permiso a Carlos IV para fundar un xornal, El Curioso Herculino, nun tempo no que se empeza a falar de soberanía nacional, unha nova concepción política que defende que a lexitimidade para gobernar non procede de deus, senón do pobo". E proseguiu: "É neste momento cando nace o xornalismo, os chamados "papeis públicos", co fin de rachar coa circulación restrinxida da información entre círculos especializados, e de se dirixir ao público xeral". Segundo o membro numerario da Academia, o fin propagandístico dos Rogos faise evidente en dous factores formais: o emprego da lingua galega, a única que coñecía daquela a gran maioría da publicación, e o uso do romance como forma estrófica, "ten a mesma feitura dun cantar de cego: doado de memorizar e de cantar en público".
O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias da Información
Ledo Andión, cun discurso titulado Axitación e construción da esfera pública, describiu o Diario de La Coruña como "un operador na construción da esfera pública" de tal eficacia que leva aos franceses a tentar usurpar a identidade do seu director cando toman a Coruña. Para a arquiveira da Academia, en Pardo de Andrade mestúranse os tipos do xornalista e do activista político: "Os Rogos comezan a súa andaina ao mesmo temo que se constrúe esa esfera pública galega ou communitas, persoas que pensan o mesmo sobre o ben e o mal e que se recoñecen como iguais", para o cal emprega todos os recursos retóricos ao seu alcance: desde a ironía, a descrición directa das torturas da Inquisición, a denuncia e a proposta dunha alternativa. Cando exiliado definitivamente en París a partir de 1832, segundo Margarita Ledo, Pardo de Andrade "soubo, como nos conta Jacques Ranciere en A noite dos proletarios, tronzar a sucesión normal do traballo e o descanso para se unir ás costureiras e tipógrafos e abraiarse, el que escollera a defensa da muller, coas páxinas de La femme libre".
Andrés Torres Queiruga
O teólogo e vicesecretario da Academia, Andrés Torres Queiruga empezou o seu discurso salientando a relación dos ilustrados con Galicia: "Coa Ilustración Galicia empeza a ser un tema outra vez. Despois de longos séculos de silencio, fúndanse sociedades económicas por todo o país e tamén xornais dirixidos á opinión pública galega". Para Torres Queiruga, por tanto, o proxecto de Pardo de Andrade insírese no plano xeral da Ilustración galega de loita contra o absolutismo e fomento da instrución pública. Segundo o teólogo, Pardo de Andrade fixo un uso metonímico da Inquisición n'Os Rogos dun Gallego: "Tomando a parte, a Inquisición, polo todo, a Igrexa, o que pretende Pardo de Andrade é defender unha Igrexa que non sexa cómplice da Absolutismo, que se concentre unicamente no seu labor pastoral e abandone o quefacer político". Para Torres Queiruga, a mellor proba da repercusión acadada polos Rogos é a propia persecución á que é sometido o seu autor por parte da Igrexa: "A Igrexa é consciente de que, a diferenza do que sucederá máis tarde con Curros, a de Pardo de Andrade é unha crítica que chega desde o seu interior, e, por esta razón, dobremente perigosa. Pardo de Andrade defende a separación da Igrexa e o Estado apoiándose en argumentos que proceden dos Pais da Igrexa, e dos propios Evanxeos, como cando Xesús di: o meu reino non é deste mundo. Estas críticas son certeiras e motivan a reacción airada da Igexa, quen se defende botando man do repertorio da Escolástica".
Segundo Torres Queiruga, en definitiva, as críticas de Pardo de Andrade á Igrexa son xustas e están encamiñadas "a axudarlle a volver ás súas raíces máis xenuínas: a dos Evanxeos, como tamén Castelao pretendía unha Igrexa que imitase ás nosas vacas: traballadoras, fecundas e, sobre todo, fieis á nosa terra".