Catro cantares populares manuscritos por Rosalía de Castro

A Real Academia Galega sobe ao Arquivo Dixital de Galicia, cadrando co natalicio de Rosalía de Castro, os tres autógrafos poéticos de Rosalía de Castro que conserva no seu arquivo. Neste 23 de febreiro, detémonos no encabezado polo topónimo “Lestrobe” (Dodro), o único deles escrito en galego. A folla contén catro cantares populares galegos que probablemente recolleu neste espazo tan vinculado á súa biografía.

1/4

En Lestrobe están situadas as Torres de Hermida, propiedade da familia materna de Rosalía de Castro, lugar onde a autora pasou longas tempadas en diversas etapas da súa vida, e onde naceron os seus fillos xemelgos, Ovidio e Gala, o 2 de xullo de 1871. Este recuncho da Terra de Iria á beira do Sar aparece citado nun dos poemas máis célebres de Cantares gallegos (1863), o que empeza dicindo: 

Como chove miudiño,
Como miudiño chove,
Como chove miudiño,
Pola banda de Laíño,
Pola banda de Lestrobe.

É posible que nunha das súas paradas en Lestrobe a poeta recollese na volta do pazo -nun labor de documentación etnográfico mais tamén literario- os catro cantares deste manuscrito que foi transcrito e publicado en Rosalía de Castro, autógrafos poéticos (2017), unha edición da RAG ao coidado de Henrique Monteagudo. 

O documento conta con tres cantares populares no recto e outro máis no verso. Os dous primeiros, en forma de copla, tratan un tema de natureza apícola que tolera segundas lecturas máis mundanas. A terceira e cuarta peza, de maior extensión, trasladan, no primeiro caso, unha arenga de contido fraterno e comunal. No segundo, un laio polo paso do tempo e as súas glorias caducas en ton admonitorio. 

Os outros dous documentos que o arquivo da RAG sobe a Galiciana, escritos en castelán, son “Más rápidos que el rayo” e “Postrimerías”, todos eles seguramente salvados da queima de manuscritos de Rosalía por se atoparen entre documentación do seu home, Manuel Murguía.

Lestrobe
Unha abella con modo
desfai o enxamio todo
E si se pon de rizos
fura vinte cortizos.

Otro
A mala abella ela sola
as abellas bota fóra
E si se pon de querquenas
fura vinte e catro entenas.

Irmáns seamos
e de nós teñamos
e si non temos de nós
andaremos sin calzós,
cal por riba cal por baixo
nin nos quedará mantelo
nin nos quedará refaixo,
i anque seamos irmáns
comamos do noso trigo
e traballémolo cas nosas mans.

Anque fun ben, xa che fun,
anque che fun, xa non son,
anque gastei charreteras
hoxe gástoche calzón.
Calzós roxos, pucha branca
socos brandos, faixa ancha,
i anque levo feridas no peito,
a falar delas non teño direito,
que has de saber,
miña pícara nova
que quen foi e non é,
é como si non fora.