carpir v.t. 1. vt. Esponxar cos dedos a la do vélaro, desfacéndolle as pelotas de fibra e quitándolle os lixos ou zurullos que leve adheridos, para deixala preparada para a carda. |
É unha acepción que vén desde Sarmiento (na metade do séc XVIII) e seguiu viva mentres se manipulou a la nas casas. X. Lorenzo na "Etnografía" (da Historia de Galiza, 1962) aínda recolle un ex. coma este: Xa escarpizada ou carpida toda a la, procédese a cardala valéndose das cardas. Esta operación chamábase tamén escarpizar e segundo as comarcas: escarpear, escarpullar, escarpuñar, escarpuxar e escarrapitar, en todas elas coa raíz -carp- que aparece no verbo latino CARPERE que entre as súas acepcións tiña talmente a que damos aquí: 'Milesia vellera Nymphae carpebant' (as ninfas carpían vélaros milesios), di Virxilio nas Xeórxicas.
2. vi. Chorar emitindo ao mesmo tempo queixas ou lamentos de dor ou de desesperación. Carpía a nai, coa alma partida, pola perda do fillo. Onte estábamos a cear e de arrebato a miña muller rompe a carpir: «¡Ai , que morro! ¡Ai , que morro!» E morríase escoada se non chega o médico a tempo (Castelao).
Para chegar da acepción 1 á 2 houbo que pasar por unha acepción intermedia que non se conserva no galego moderno e tivo que ser ‘tirar polos propios pelos ou barbas, coa rabia, dor etc', acción que ía acompañada de gritos (que as dúas accións ían xuntas vémolo en expresións coma pelarse de rabias, arrincar os pelos)
3. vpr. Lamentarse: Dinlle os que ben a queren, cando a escoitan xemer e carpirse que teñan pacencia, que todo ha vir ó seu (VTaibo).
4. vi. [Un animal] gruñir, emitir un son forte e agudo. O chorar dos cabirtos, que se laian coma fidalguiños esmirriados, pode ferí-lo peito dun home endeble; o noxento carpir dos porcos, que berran por calquera cousa, abrouxa os nosos ouvidos e desfai toda compasión (Castelao).
Na lingua dos poetas carpir pode ter sentidos figurados non lexicalizados e ás veces ambiguos. Neste verso de Bouza Brei, Mandarannos os ceos, carpindo luz, adobío de estrelas, non sabemos se os ceos "carpean luz? (acepción 1) ou "choran luz? (acepción 2); se é isto último a "transgresión" do poeta afecta tamén a categoría do verbo pois pasa de intransitivo a transitivo.