Cartel das xornadas arredor de Vidal Bolaño organizadas pola Universidad Complutense de Madrid
O Día das Letras Galegas serviu, desde o seu comezo, para acrecentar a conciencia do noso patrimonio cultural entre a comunidade galega do interior e aqueloutra espallada pola emigración no estranxeiro, e organizada en multitude de centros galegos ou asociacións culturais.
Nesta ocasión, o feito de ser Roberto Vidal Bolaño un autor centrado exclusivamente no xénero dramático, provocou que numerosos compañías de teatro, afeccionado e profesional, decidisen representar as súas obras. Este é o caso do Centro Dramático Galego, que leva xa máis dun mes de xira coa peza Días sen gloria, e recollendo numerosas críticas favorables. Outro tanto acontece coa compañía Teatro do Aquí, herdeira daquela que dirixira Vidal Bolaño, que levará á escena as obras Criaturas e Bailadelas os días 16 e 17 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. En Vigo, o grupo Fulano, Mengano e Citano fará unha lectura dramatizada de diversos textos bolañianos na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, mentres que Aquelando Teatro ha representar Integral na VII Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros. Para finalizar esta relación incompleta de representacións de Vidal Bolaño, apuntamos que Laboratorio Teatro levará a escena, no Teatro Colón da Coruña entre o 13 e o 16 de maio, unha escolma de diversos fragmentos da obra deste autor.
Fóra do noso país, a Universitat Oberta de Barcelona organiza, a través do departamento de Estudis Gallecs i Portuguesos, unha exposición bibliográfica e un debate sobre a obra de Vidal Bolaño. Pola súa parte, a Universidad Complutense de Madrid puxo en marcha un completo programa de coloquios e debates nos que se ha analizar polo miúdo a concepción artística do autor de Vista Alegre. Por último, na Arxentina, os alumnos do Colegio Santiago Apóstol de Buenos Aires, que o ano pasado visitaran esta institución, levaron a escena a obra Touporroutou da lúa e do sol o pasado 28 de abril.
No que atinxe á produción editorial, no que vai de ano lévanse publicado, ademais dos dous primeiros volumes das súas Obras Completas a cargo de Positivas, un importante número de ensaios e estudos arredor de Vidal Bolaño que xa fomos incluíndo no apartado Obras da súa biografía, e que de seguro irá medrando de aquí a final de ano. Grazas a estes traballos, o público galego de hoxe pode acadar unha comprensión cabal da obra bolañiana, e enxergar, ao mesmo tempo, a situación do noso teatro no último cuarto do século XX.