Cambados recorda os cen anos do ingreso de Cabanillas na Academia

O 31 de agosto de 1920 Ramón Cabanillas convertíase en membro da Real Academia Galega. Cen anos despois, Cambados, vila natal do poeta, recordou este mércores aquela xornada cun acto no que o académico Francisco Fernández Rei volveu ao seu discurso de ingreso na RAG e explicou o motivo polo cal Cabanillas foi recibido na institución nunha cerimonia celebrada no balneario de Mondariz. O ensaísta e poeta Emilio Ínsua recordou, pola súa banda, o papel de Cabanillas como modernizador da poesía galega de comezos do século XX.


Pola esquerda, Emilio Ínsua, Pitusa Vidal Cabanillas e Francisco Fernández Rei. Fonte: Arquivo Fernández Rei


O acto, organizado pola Concellería de Cultura de Cambados, tivo lugar no paseo da Calzada, onde a neta do poeta, Pitusa Vidal Cabanillas, e o concelleiro Tino Cordal colocaron cadanseu ramo de flores diante do monumento ao poeta tallado polo escultor Francisco Asorey. Tras a apertura do acto por parte do edil, Emilio Ínsua explicou como Cabanillas, antes de ser académico, modernizara a poesía galega e chegara a converterse, cos seus versos de intenso lirismo e de combate cívico, no chamado Poeta da Raza, no símbolo poético das Irmandades da Fala. A popularidade que acadou débese a que soubo conxugar en atinadas doses a poesía popular coa tradición poética galega, as achegas do modernismo de Rubén Darío coas lecturas dos grandes poetas latinos cando fora seminarista en Compostela, e tamén con lecturas dos simbolistas franceses (particularmente Rimbaud e Verlaine) e dos saudosistas portugueses, dos que Teixeira de Pascoaes era o referente.

Francisco Fernández Rei, natural, como Cabanillas, da viliña cambadesa de Fefiñáns, foi o encargado de rememorar a xornada de ingreso na RAG do poeta e para iso comezou referíndose a Enrique Peinador Lines, que cando sucedeu a seu pai na dirección do balneario de Mondariz foi quen de convertelo nun espazo de cultura, coa sensibilidade galeguizadora de seu proxenitor. Súa foi a idea de organizar na estación termal, na segunda quincena de agosto do 1920, unha homenaxe a Manuel Murguía, presidente da Academia, que non puido asistir dada a súa idade, e dous plenarios extraordinarios da Real Academia Galega para o ingreso dos poetas Antonio Rey Soto e Ramón Cabanillas.

'A saudade nos poetas gallegos'
O académico centrouse no discurso pronunciado aquel 31 de agosto de 1920 polo escritor cambadés, A saudade nos poetas gallegos, que foi contestado por Eladio Rodríguez, daquela secretario da institución. Como xa salientara Luís Rei na crónica dos desterros do poeta, ese discurso foi unha clara alegación nacionalista, cun factor inmaterial (a saudade) convertido en carácter que define a natureza, a terra e os seus habitantes, e tamén na garantía de liberación de Galicia, salientou Francisco Fernández Rei. Cabanillas debullou aquel día a presenza da saudade nos grandes poetas que o precederon: a soidade de Añón e Rosalía, a suidade de Pondal, a saudade e soedade de Lamas… Curros para el era unha corda á parte da lírica galega, loitaba por cantar o porvir enterrando o pasado, mais non puido.

No remate do discurso, centrado en Rosalía, Cabanillas asegurou que se lle encollía o corazón, que Follas novas é o poema da Saudade, que non é un libro para ler, senón para rezar; e que "no ceo e na terra, libres ou escravizados, para sempre, para sempre, Rosalía ê o corpo-santo da Saudade Gallega".