‘Cadernos de Lingua’ rescata os contos que recolleu Dorothé Schubarth

Entre 1978 e 1983, a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) percorreu Galicia recollendo coplas e melodías populares, por veces a persoas individuais, outras a grupos que se xuntaban para mostrarlle como eran as foliadas, ruadas ou polavilas que recreaban para ela. Entre unha peza e outra, nos descansos tamén lle contaban contos de tradición oral, que pola súa distinta natureza quedaron fóra do Cancioneiro popular galego, considerado a biblia do noso folclore. Schubarth, consciente do valor lingüístico e etnográfico destes relatos, entregoulle á filóloga Carme Hermida Gulías as cinco cintas casete coas historias que rexistrara, un material que agora a profesora da Universidade de Santiago de Compostela rescata no último número de Cadernos de lingua.

1/4

A investigadora do Instituto da Lingua Galega (ILG) ofrece no seu artigo a transcrición dunha escolma dos contos, vinte e dous en total, narrados por veciños e veciñas de Pedrafita do Cebreiro, A Estrada, Cuntis e Dumbría. As historias agrúpanse segundo as características máis identificadoras dos seus protagonistas: contos de canteiros, de curas, de xastres, contos de homes e mulleres, contos de proxenitores, contos de animais e contos de gaitas e varia. Carme Hermida ofrece ademais unha análise das características que as definen como mostras da lingua oral popular de carácter dialectal. 

Con este traballo, alén de cumprir a encarga que lle fixera Schubarth de considerar a posibilidade de facer unha publicación cos contos que lle entregara, Carme Hermida réndelle homenaxe a “esa muller discreta que, nacida na Suíza de fala alemá, escolleu Galicia e a súa lingua como patria de adopción”. “A esta fíxolle o mellor agasallo que lle permitiu o seu saber: a publicación en sete tomos do Cancioneiro popular galego, realizada en colaboración con Antón Santamarina, magna obra que recolle entre as súas páxinas o noso xeito de ser e estar no mundo, nas penas e nas alegrías”, engade a filóloga do Instituto da Lingua Galega (ILG). 

Os informantes
As narracións gravadas en setembro de 1978 na parroquia de Lousada do concello lugués de Pedrafita do Cebreiro foron contribucións de dous veciños da aldea de Santalla, Carmen e Senín, que daquela tiñan 45 e 78 anos respectivamente; e mais un terceiro veciño do Sisto de 88 anos. 
 
Os contos recollidos en 1979 en Callobre, parroquia do concello pontevedrés da Estrada, contoullos á musicóloga Manuel, veciño de 85 anos, “cunha prestancia narrativa propia dun fistor”, valora Carme Hermida. As achegas de Cuntis (Pontevedra) realizáronas en marzo dese mesmo ano dúas mulleres do lugar da Casiña, da parroquia de Arcos de Furcos: Manuela, de 64 anos, e María, de 70. Canto á única narración rexistrada en Regoelle, Olveira (Dumbría, A Coruña), realizouna Estrela, de 64 anos, en decembro de 1980.

Laudatio de Antón Santamarina
O número 41 de Cadernos de lingua ofrece ademais a laudatio que o académico de número Francisco Fernández Rei lle dedicou ao tamén membro da RAG Antón Santamarina no marco da homenaxe que se lle rendeu a este nas  XX Xornadas de Normalización Lingüística organizadas polas Escolas Católicas-Galicia o 22 de novembro de 2024 en Santiago de Compostela. Fernández Rei refírese igualmente ao "monumental" Cancioneiro de Schubarth e Santamarina, publicado pola Fundación Barrié entre 1984 e 1995. “Son testemuña das moitas horas que Antón lle dedicou ó labor de edición dese Cancioneiro. As cantigas que Dorothé recollera moitas veces interpretáranse entre cinzarros de vacas ou no fragor dunha taberna, polo que non sempre era doado transcribilas: nunha época en que non había ordenadores, facer unha clasificación de tantísimo material foi unha tarefa realmente meritoria, o que fixo que se acabase convertendo nun experto no romanceiro hispánico”, expresa Fernández Rei.

Pola súa banda, Inés Veiga e Yolanda Iglesias reflexionan no mesmo número sobre a orixe e a evolución semántica das voces monogamia, bigamia, poligamia, poliandria e polixinia no galego e noutras linguas da contorna coa finalidade de identificar prexuízos, estereotipos e outros nesgos ideolóxicos e presentar novas propostas de definición máis adaptadas aos modelos actuais de relacións afectivo-sexuais. 

Noutro artigo Martín Luna examina o concepto de motivación lingüística e propón un sistema de clasificación fundamentado nas relacións entre os compoñentes do signo lingüístico que distingue entre tipos de motivacións intralingüísticas e extralingüísticas.