Cacabelos celebra o bicentenario de Fernández Morales

Un recital poético e unha ofrenda floral no cemiterio de Cacabelos no que está enterrado Antonio Fernández Morales, xusto o día do bicentenario do seu nacemento, puxéronlle hoxe o ramo ao Simposio do Bicentenario / XI Xornadas de Autor IEB. Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo. O programa desenvolveuse do 15 ao 17 de setembro en Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos co propósito de difundir unha figura precursora do Rexurdimento esquecida na historia, mais tamén na procura de alianzas a prol da lingua galega no Bierzo.

Anxo Angueira recita versos de Antonio Fernández Morales ante á súa tumba en Cacabelos. Fonte: RAG


Os versos do homenaxeado oíronse nas voces do profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a responsable da comisión de lingua e literatura do Instituto de Estudios Bercianos, Ana Carballo, e Manuel González, do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, que realizou un discurso poético con anacos de varias poesías do autor. Tras a ofrenda floral ante a tumba do poeta, a celebración rematou coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo.

A derradeira xornada do Simposio do Bicentenario / XI Xornadas de Autor IEB. Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo, coorganizado pola Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos e a Comisión Cultural Martín Sarmiento, arrincou no Museo Arqueolóxico de Cacabelos cunha comunicación de José Luis Puerto sobre a poesía de Fernández Morales, autor dos Ensaios poéticos en dialecto berciano, obra escrita integramente en galego e saída do prelo en 1861, uns anos despois d'A Gaita Gallega (1853) de Pintos, o primeiro libro do Rexurdimento, e antes do Álbum de la Caridad (1862) e dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (1863).

José Luis Puerto repasou a lírica do autor, "unha obra poética breve, tanto en galego como en castelán", que se recolle en tres conxuntos: os devanditos Ensaios, os poemas en castelán editados pola revista leonesa El Esla e o libro en castelán titulado Ensayos poéticos (1876). "Estamos ante un autor que, pese a recibir a influencia romántica, en diversos aspectos, en poesía está marcado pola vixencia aínda da poesía ilustrada do século XVIII, así como por dúas das varias correntes que se producen na segunda metade do século XIX: a poesía civil de expresión grandilocuente, así como a poesía erudita e clasicista", expresa José Luis Puerto.


As comunicacións da derradeira xornada do programa dedicado a Fernández Morales desenvolvéronse no Museo Arqueolóxico de Cacabelos. Fonte: RAG


O etnomusicólogo Héctor Luis Suárez achegou outra mirada á poesía de Morales centrada nos instrumentos musicais que aparecen nos seus Ensaios. "O libro é un bo referente para coñecer parte do compendio organolóxico do momento", asegura. Ademais de falar sobre chifres, gaitas, tamborís e outros instrumentos, o experto referiuse a bailes, danzas e costumes do Bierzo dos tempos do autor, que tiña un bo coñecemento musical do seu tempo, engade.

A quenda de comunicacións pechouna Javier Fernández-Llamazares, cunha intervención centrada nas cartas inéditas de Antonio Fernández Morales enviadas, en 1875, ao banqueiro e deputado de León Felipe Fernández-Llamazares. Nesta caso as misivas, conservadas no arquivo privado ao que representa o relator, están escritas en castelán. Refírense á intervención directa do militar, a petición expresa do banqueiro, para recomendar e colocar un sobriño deste nun bo posto no servizo militar.