A Exposición Rexional Galega acolleu preto de 600 instalacións situadas en once pavillóns, onde foron expostas más de 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte, historia ou da industria. A súa celebración e a do ano xubilar a un tempo repercutiron favorablemente na economía da cidade e preparárona para o que se convertería nun dos motores da cidade: o turismo.
O ano santo celébrase cando o 25 de xullo, festividade de Santiago, patrón de Compostela, cadra en domingo, grazas a un privilexio concedido por primeira vez polo papa Calisto II no ano 1122. Novecentos anos despois, este 25 de xullo, malia cadrar en luns, tamén será xubilar pola ampliación autorizada polo papa Francisco debido ás circunstancias especiais da pandemia de covid-19.
As imaxes do xacobeo de 1909 que conserva o arquivo da RAG son parte da súa colección facticia de postais, que agrupa todas aquelas de diversas procedencias que non están integradas en ningún fondo documental. A colección abrangue imaxes desde os primeiros anos do século XX até o día de hoxe, nos dous formatos normalizados máis comúns da tarxeta postal (9 x 14 e 10,5 x 15 cm.) e realizadas con técnicas fotomecánicas e fotográficas diversas. A gran maioría das tarxetas recollen imaxes localizadas en Galicia, aínda que existen curiosas excepcións como algúns cartafoles con estampas de Vietnam, da URSS, dos Estados Unidos, Cuba ou Uruguai.