“As personaxes femininas de Luísa Villalta contraveñen todos os lugares comúns”

A segunda xornada do Simposio Luísa Villalta. Mil son eu tan só, tan soa achegouse este mércores á narrativa e o teatro da protagonista das Letras Galegas 2024 da man de Inma Otero e Henrique Rabuñal. Tres poetas de distintas xeracións, Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, compartiron ademais reflexións sobre a súa poesía nunha xornada que rematou coa música de Uxía, que estreou novos temas sobre textos da homenaxeada. O encontro da Real Academia Galega concluirá mañá xoves cunha serie de intervencións que terán como protagonista destacada a cidade en Luísa Villalta (1957-2004). Poralle o ramo o espectáculo Indóciles, unha proposta de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut inspirado na vida e na obra da escritora. A entrada é libre. 

1/8

Inma Otero abriu o programa do mércores cunha intervención centrada nas novelas e os relatos de Luísa Villalta, que publicou nos títulos individuais Teoría de xogos, As chaves do tempo e Siléncio, ensaiamos, e mais en volumes colectivos. “Como o resto da súa obra, a narrativa de Villalta está gravada por tres propiedades fundamentais: o compromiso, a reflexión e a innovación formal”, resume. A filóloga e ensaísta salienta nesta liña a práctica da hibridación dunha autora da que destaca tamén a súa aposta por “personaxes femininas que contraveñen todos os lugares comúns”. “As protagonistas, coma ela, emerxen das inscricións que teñen a ver coa introspección, o xuízo e o degoiro de coñecer”, comparte.

Henrique Rabuñal puxo o foco nas personaxes femininas do teatro de Villalta. “Na obra dramática villaltiana ser muller non é un salvoconduto á perfección. A carón de mulleres que se rebelan para conquistar a súa dignidade e liberdade, a literatura dramática de Luísa ofrece exemplos de mulleres tóxicas, cómplices do peor exercicio do machismo. Por iso as mulleres deben desobedecer e contrariar os paradigmas e as normas que comprometen a vontade de seren libres”, considera o escritor e crítico literario.

Diálogo entre tres poetas de distintas xeracións
A poesía foi o eixe da mesa redonda que reuniu a académica de número Chus Pato e as tamén poetas Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, nun diálogo no que compartiron o seu xeito de ler a Villalta e que moderou a académica correspondente Mercedes Queixas Zas. Luísa Villalta –advirte Pato– é unha autora que “reclama a nosa intelixencia, as nosas emocións, os nosos saberes e o corazón do tempo”. “Non se deixa ler con facilidade, non coa que integramos un poema publicitario, tampouco a súa escritura pretende coidar de nós ou ofrecernos unha programación ideolóxica ou didáctica”, engade. 

A gañadora do último Premio Nacional de Poesía con Sonora puxo o acento na súa intervención, entre outras cuestións, na relación entre literatura e música da autora á que a RAG lle dedicou o pasado 17 de maio. “Desde o seu primeiro libro ata o derradeiro, Luísa Villalta tratou de atopar un poema que recobrase a unidade perdida entre a música e a palabra”, considera Chus Pato. “Non hai corte nin fisura. O conxunto da súa obra amosa un abano espléndido de temas, pero a determinación é a mesma: a escritura dun poema que, sen ser clásico, conserva todas as posibilidades musicais da poesía anterior ás vangardas históricas. Ao mesmo tempo, ese poema non vai obviar a herdanza da fenda que supón a vangarda. E escríbeo para construír un lectorado que saiba loitar polo que lle é propio e resistir á cultura que se lle quere impor”, conclúe.

A esta simbiose entre literatura e música refírese tamén Estíbaliz Espinosa: “Luísa Villalta soubo entrelazar pensamento crítico e cívico coa máis alta musicalidade nun acorde ou instrumento novo, que recordamos porque nos volve pasar polo corazón”. A escritora coruñesa, poeta e música como Villalta, cualifica a súa como unha voz libre e avanzada ao seu tempo, e lamenta que, malia a súa potencia, fose “desoída” e “non debidamente lida nin traducida”. “Luísa non cede nin ao clasismo, nin ao elitismo literario nin ao mercantilismo do sistema cultural e os seus microcaciquismos. Lémbranos o noso compromiso coa reflexión e a palabra, veñan de quen veñan, porque está antes a voz creativa -que transcende o espazotempo- que a imaxe de marca dunha autora ou autor, poida ou non defenderse, venda ou non venda, obteña galardóns ou non”, reflexiona.

Pola súa banda, Tamara Andrés, nunha intervención titulada “Luísa Villalta, palabra e fuga”, propuxo unha travesía en catro movementos “a bordo dun barco que parte de si mesmo e ten medida de muller”.

A cidade da Coruña e Indóciles na xornada de clausura
Mañá xoves, a derradeira xornada do Simposio Luísa Villalta contará cunha ollada á Villalta ensaísta, da man da profesora honoraria da Universidade da Coruña Pilar García Negro; e con varias reflexións sobre a súa relación coa cidade, que se materializa na súa obra na Coruña, a localidade onde naceu e viviu ata a súa morte prematura aos 46 anos de idade. Nesta cuestión afondará o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo no primeiro relatorio da tarde e nela tamén incidirán a crítica literaria Teresa Seara; o poeta Miguel Anxo Fernán Vello, editor de En concreto (2004) –o derradeiro poemario que Villalta deixou listo para publicar –, e o músico e escritor Xurxo Souto, na mesa redonda que moderará a académica correspondente Olivia Rodríguez.

Poralle o ramo ao Simposio Luísa Villalta Indóciles, un proxecto multidisciplinar que achega o público á obra da autora, da que se mostra o seu legado literario provocador e rebelde. O elenco está formado pola narradora oral Vero Rilo, a recitadora Nuria Vil e a música Mónica de Nut. “Na obra sobrevoa a pregunta ‘que é ser indócil’ e a pandeireta, voz e a música electrónica fúndense coa poesía escénica e a narración oral, que sitúa á espectadora a través da historia de vida ficcionada da poeta”, salienta a promoción do espectáculo.

O Simposio Luísa Villalta é unha iniciativa da Real Academia Galega coordinada polas académicas de número Margarita Ledo e Ana Romaní. As xornadas organízanse co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Barrié.